12 febrero 2009

Touriño sigue apoyándose en las promesas de última hora del Gobierno central

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou hoxe que o “paso decisivo” dado polo Goberno de España para a ampliación da AP-9 permitirá o comezo dos traballos alí onde a Xunta os demandaba: os accesos ás áreas urbanas da Coruña, Santiago e Vigo, coa ampliación da ponte de Rande. “Onte a vicepresidenta deu en nome do Goberno de España un paso decisivo, puxo enriba da mesa o investimento necesario para comezar as obras. Polo tanto, si a ampliación da AP-9. Si a iniciala alí onde a demandábamos: Santiago, Coruña e Vigo”, salientou o máximo mandatario galego.

“Teño a satisfacción de ter conseguido o que pretendía, sempre en interese de Galicia”, valorou Pérez Touriño, quen destacou que ese é o labor do presidente da Xunta, “conseguir solucionar os problemas que ten Galicia, e Galicia sofre un problema de estrangulación da AP-9 nas entradas das grandes áreas urbanas do país”. “Púxenme á tarefa, comprometín esta actuación, e onte a vicepresidenta asumiu, concretou e anunciou este compromiso”, afirmou o presidente galego.

Unha circunvalación libre de peaxe en Santiago que ten que asumir Fomento
Pérez Touriño relatou as diferentes características que, desde a súa construción, ten a autopista AP-9 ao seu paso polas principais cidades galegas. Así, o presidente da Xunta explicou que a autopista funciona como circunvalación libre de peaxe, como unha vía periférica, nas cidades de Santiago e Pontevedra e asegurou que, debido a esta característica, deben ser as administracións públicas, neste caso o Ministerio de Fomento, o que pague a ampliación. “Entón, o que onte anunciou a vicepresidenta foi que o Ministerio de Fomento asume integramente, como ten que ser, a ampliación da circunvalación de Santiago, para a que achegará un investimento de 88 millóns de euros”, asegurou.

No transcurso da súa comparecencia a saída da reunión do Consello da Xunta, Touriño puntualizou que non se contempla a ampliación da autopista AP-9 ao seu paso pola cidade de Pontevedra –na que tamén funciona como unha circunvalación libre de peaxe- porque no seu día o Goberno local da cidade decidiu que non era unha obra necesaria porque a infraestrutura non estaba colapsada. “Sen embargo, no caso de Santiago o problema está aí e, ademais, ven o Ano Santo e hai que atendelo”, engadiu.

O presidente da Xunta explicou, sen embargo, que no caso das entradas na Coruña e Vigo, a autopista funciona como unha estrada de peaxe, polo que a súa ampliación ten que ser financiada entre o Goberno de España e a empresa concesionaria, que debe asumir “unha parte substancial do custo”. Así, Pérez Touriño asegurou que os 30 millóns anunciados onte pola vicepresidenta do Goberno permitirán iniciar os traballos nos accesos as dúas cidades e adiantou que segue en curso a negociación coa empresa concesionaria.

“Dou por suposto que o acordo se materializará inmediatamente por que, ademais, estamos todos interesados na ampliación, tamén a propia concesionaria que ten unha situación de carga, e de colapso. Necesariamente, a concesionaria ten que mover ficha”, afirmou. “Pero o que é fundamental é a decisión do Estado, a posta a disposición dos recursos para comezar a ampliación”, remarcou Pérez Touriño.