12 febrero 2009

Otra vez Touriño -¡y van...!- con lo de los nuevos hospitales para Vigo y Pontevedra

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta anunciou hoxe a inminente licitación das obras do hospital único de Pontevedra e do novo hospital de Vigo, dando cumprimento a un compromiso de Goberno que “muda a perspectiva da atención sanitaria” no sur de Galicia. Emilio Pérez Touriño explicou que a licitación e contratación das obras destes dous proxectos hospitalarios terá lugar “nos vindeiros meses”, logo de que o Consello da Xunta lle dese hoxe luz verde ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o novo hospital de Vigo, e aprobase ademais a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras desta infraestrutura hospitalaria e pola de Pontevedra.

O máximo mandatario autonómico lembrou que hai aproximadamente ano e medio o Consello da Xunta aprobou a declaración de incidencia supramunicipal do hospital de Vigo, como fórmula para “acurtar prazos e poder gañar tempo a tempo e poder acometer canto antes a licitación e a posta en marcha do proxecto”. Agora, explicou que tras superar a tramitación e os informes ambientais, urbanísticos e procesos de información pública, “o Consello da Xunta aproba definitivamente ese proxecto, que significa un investimento de 390 millóns de euros para facer un hospital que terá máis de 1.500 camas”.

Touriño destacou que o novo hospital de Vigo “é nestes momentos, desde logo, o maior hospital da Comunidade, de España e dos que están proxectados na Unión Europea”. Consonte subliñou, con esta infraestrutura se dá cumprimento “a un dos grandes temas deste período, desta lexislatura, para mudar a situación na atención sanitaria no sur da provincia”. En relación co hospital único de Pontevedra, o xefe do Goberno galego salientou que “aumenta en 217 as camas e triplica a superficie”.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego resaltou que coa aprobación tamén hoxe das expropiacións dos terreos afectados polas obras do hospital de Vigo e de Pontevedra, ambas infraestruturas se atopan nun estado de avance paralelo.

Así, Pérez Touriño recalcou que se dá cumprimento a “unha parte importante do Plan Director de Infraestruturas Sanitarias de Galicia”, dotado cunha previsión económica de 1.300 millóns de euros. Con impulso a estes dous novos hospitais, este Plan Director “quedaría nun nivel de execución próximo ao 50%”, algo que, consonte avanzou, aumentará coa licitación neste mesmo mes de febreiro dunha das fases de ampliación do Hospital da Coruña. O xefe do Executivo autonómico concretou que o Plan Director de Infraestruturas Hospitalarias consigna 244 millóns de euros á Coruña, dos cales 30 millóns se licitarán neste mesmo mes.