07 febrero 2009

O Concello de Mos anuncia que comenzan as obras na Ponte da Barxa

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A alcaldesa informou hoxe de que a vindeira semana porase en marcha o acondicionamento desta infraestructura que ascende a máis de 150.000 euros
Nidia Arévalo explicou esta mañán que “o Concello ten o diñeiro para acometer esta obra dende o ano 2005, por iso debería ter sido empezada fai xa moito tempo”. Ante a situación de urxencia de reforma que deriva do mal estado da ponte e de que por ela transitan diariamente autobuses escolares, o equipo de Goberno encabezado por Arévalo decidiu activar un procedemento de emerxencia polo cal se iniciarán as obras de inmediato. A alcaldesa insistiu esta mañá na importancia de que “tras pouco máis dun mes de goberno, este novo equipo lograse por en marcha as obras de acondicionamento da Ponte da Barxa, que consistirán nunhas melloras de carácter extremadamente urxente debido á perigosidade actual da infraestructura, que corre risco de derrubamento, sendo unha vía cunha gran afluencia de tráfico diario, entre o que se atopan numerosos autocares que levan e recollen a nenos dos colexios”.

Respecto do vial Porteliña-As Pozas, a rexedora local declarou hoxe que “dende o goberno municipal mosense consideramos necesaria a súa mellora que implicaría a ampliación da estrada e a colocación de beirarrúas; sen embargo anunciamos que non apoiamos a idea de que se lle dea un ancho de 16 metros cando con 12 metros é suficiente e que non se acometerán modificacións nesta vía sen falar antes cos veciños que resultarían afectados por ditos cambios”. Ademais, a alcaldesa aclarou que “no Concello atopámonos expectantes ante as decisións da consellería de Vivenda e Solo, xa que cabe a posibilidade de que decidan construir vivendas protexidas nesta zona polo que xa se encargarían tamén de ampliar e urbanizar o vial”.
Nidia Arévalo especificou tamén que o Concello de Mos asumirá a acometida da mellora do tramo Capela-As Pozas do vial.