07 febrero 2009

Teresa Táboas dice en Vilaboa que "a autoestrada AP-9 debe ser de titularidade autonómica e o seu capital público"

VILABOA (MORRAZO-tribuna).- A candidata número 1 do BNG, Teresa Táboas, participou esta noite na cea-mitin do BNG do Morrazo en Vilaboa, na que asegurou que: “neste concello, atravesado pola AP-9, direi de novo o que vén dicindo o BNG ao longo de toda a campaña: a autopista, que é o principal eixe de comunicación do noso país e clave na vertebración da Galiza Atlántica, debe ser de titularidade autonómica e o seu capital público”.
Táboas lembrou que a AP-9 foi privatizada durante o período do último goberno de José María Aznar, “xa con Núñez Feijoo no goberno da Xunta”. “O que o PP malvendeu por 1.500 millóns de euros, foi agora revendido por Sacyr ao Citigroup norteamericano por 7.500”, dixo.
“A nosa proposta é recuperar mediante a entrada de capital público a nosa capacidade de decisión sobre unha das infraestruturas fundamentais do noso país”, asegurou.

No acto tamén interviu o candidato número 4 do BNG, Bieito Lobeira, quen asegurou que “nestes momentos de crise, é preciso apostar polos sectores produtivos”.

Así mesmo, Uxío Piñeiro, candidato número 16, lembrou que o BNG sempre estivo do lado dos veciños de Vilaboa “en todas as súas demandas: contra a instalación da empacadora, o que temos agora cos terreos da Brilat, e na loita pola retirada da peaxe de Rande”.