07 febrero 2009

Vigo : Vieitez quere traballar para que Concello e Xunta asinen un convenio co obxectivo de planificar as actuacións prioritarias para Coia

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O candidato número dous do BNG pola provincia de Pontevedra, Henrique Viéitez, anunciou este venres que a Consellería de Vivenda e Solo, dirixida pola nacionalista Teresa Táboas, investirá entre 1,3 e 1,5 millóns de euros para mellorar a accesibilidade de vivendas de Coia. Henrique Viéitez así o explicou esta tarde nun encontro que mantivo con veciños e veciñas do barrio, e no que subliñou que o BNG, dende a súa actuación no goberno galego, “ten iniciado un proceso transformador da sociedade no que é preciso profundizar”.

“Dende o BNG consideramos fundamental dar pasos cara adiante na mellora da accesibilidade”, salientou o candidato nacionalista, quen neste sentido subliñou que as actuacións en Coia son prioritarias. Así, lembrou que moitas das edificacións da zona non contan con ascensor, en concreto as de catro andares. “Esta situación provoca unha grave falta de mobilidade en persoas maiores ou que viven nunha situación de dependencia”, explicou Henrique Viéitez. Segundo as previsións da Consellería de Vivenda, as actuacións para resolver este grave problema de accesibilidade se levarán a cabo ao longo deste ano, e “afectarán a un mínimo de tres bloques de edificios, que a súa vez están integrados por tres ou catro portais”, engadiu.

Henrique Viéitez destacou na súa intervención que a preocupación pola accesibilidade e pola mellora da calidade da vida da cidadanía “ten sido unha constante do BNG no goberno galego, e nomeadamente da Consellería de Vivenda”. Neste sentido expresou o seu compromiso para que Concello e Xunta asinen un convenio co obxectivo de elaborar un “estudo en profundidade das necesidades de Coia que permita establecer un plan de actuacións cun investimento plurianual e así resolver os problemas estruturais do barrio, presentes dende o inicio da súa construción”.

“Resulta fundamental que as actuacións sexan froito da colaboración institucional”, destacou Viéitez, ao tempo que subliñou que se deben desenvolver dun xeito planificado “para acadar os mellores resultados e resolver dun xeito máis rápido e eficaz os problemas da cidadanía”. Segundo o número dous do BNG por Pontevedra, este investimento que Vivenda fará en Coia “é a mellor mostra do meu compromiso para traballar pola colaboración institucional”.

Henrique Viéitez subliñou que a xestión do BNG na Xunta de Galiza “ten servido para poñer en marcha un proceso transformador da sociedade que doutro xeito non se tería iniciado”. O candidato nacionalista asegurou, na súa intervención antes a veciñanza de Coia, que precisamente para profundizar nestes cambios “Galiza precisa un goberno cun presidente nacionalista á fronte, que sexa quen de completar a transformación iniciada hai tres anos e medio”.