16 febrero 2009

A Universidade de Vigo avanza na súa modernización co Plan Operativo de Xestión

Aprobado o Plan pola maioría do Consello de Goberno e rexeitado pola Xunta de persoal
-Luz verde aos criterios de promoción ao corpo de catedráticos

VIGO/PONTEVEDRA (María del Carmen Echevarría, in Diario da Universidade de Vigo) .- Como “un proxecto ambicioso que quere posicionar á Universidade para responder aos retos que ten por diante” definiu a xerente da Universidade de Vigo, Ana Fernández Pulpeiro, o Plan Operativo de Xestión que foi aprobado hai poicas datas polo Consello de Goberno. O Plan que contou con 24 votos a favor, 11 abstencións e 2 votos en contra, define oito obxectivos estratéxicos entre os que destacan a consecución dunha xestión baseada nun modelo de excelencia; a optimización e mellora dos procesos internos de xestión académica, extensión e de I+D+i; a intensificación na aplicación das TIC para avanzar cara á plena implantación da universidade dixital e o establecemento dunha política integral de persoal.
“O Plan ten que ser algo dinámico e servir para adaptar a organización e a xestión ás necesidades que se plantexan”, asegurou a xerente, Ana Fernández Pulpeiro que tamén destacou que “tras un longo e difícil proceso de elaboración, a implantación é o verdadeiramente importante”. A xerente de agradeceu a participación da comunidade universitaria na elaboración do Plan Operativo de Xestión, sinalou algunhas das accións máis relevantes que para o próximo ano recolle o documento como a extensión da aplicación de xestión académica a todas as titulacións, a creación de unha intranet, a realización de un estudo das necesidades do cadro de persoal, elaborar e implantar un plan de formación, elaboración dun plan de descentralización de servizos por campus, deseño dun sistema de elaboración e seguimento do orzamento e rendición de contas ou a revisión e actualización da normativa existente de xestión académica e xestión de investigación.

Cumprimento de obxectivos
“Quero que se cumpra este plan, pero coas regras claras”, asegurou o presidente da Xunta de persoal, Xoan Cebro na súa intervención ante o Consello de Goberno na que demandou tamén “respecto ao persoal nas negociacións e que se cumpran os regulamentos e acordos de esta Universidade”.
Cebro que votou en contra da aprobación do Plan Operativo de Xestión, tamén solicitou explicacións sobre posibles responsabilidades caso que non se cumprisen os obxectivos que fixa o documento. Foi a xerente a encargada de explicar que “hai indicadores que nos permiten avaliar se se cumpren os obxectivos”, ao tempo que manifestou a súa disposición a dar conta do grao de cumprimento do Plan Operativo de Xestión “por que é a miña labor xerencial”.
Á consideración do membro de Nova Universidade, Alejandro Pereira, sobre a existencia de “un organigrama bastante profundo”, Fernández Pulpeiro sinalou que “é necesario persoal para estruturas os servizo”, nun Plan que contempla oito grandes obxectivos con cadanseu responsable.
Tralo anuncio realizado polo presidente da Xunta de persoal de que votaría en contra do Plan, o reitor, Alberto Gago, sinalou que “ mellor sería que estivésemos todos de acordo, pero o importante é falar”. En este sentido Gago destacou que desde o ano 2002 esta era a primeira vez que se falaba a fondo sobre unha cuestión “como é a modernización da institución, un esforzo no que estou plenamente implicado”.

Criterios de promoción ao corpo de catedráticos e aprobación de premios
Por asentimento o Consello de Goberno aprobou os criterios e procedemento de promoción ao corpo de catedráticos na Universidade de Vigo. Tres son os criterios de promoción: directa por plantilla que contempla que será automática considerando como referencia o 25% das prazas con vinculación permanente dunha área; directa por méritos, que será facilitada de xeito automático ao profesorado acreditado con polo menos tres sexenios de investigación e promoción condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias no que a Universidade poderá establecer unha convocatoria anual de prazas de promoción dirixida a profesorado acreditado que, tendo méritos suficientes, non se atope nos casos anteriores.
O Consello tamén deu luz verde aos criterios de avaliación da produción científica aplicables a méritos correspondentes ao ano 2008 coas novidades de contemplar un total de 10 puntos no caso dos editores de revista ISI, 5 no de coeditor, editor asociado e editor rexional, así como 6 puntos (a dividir entre os codirectores) para as teses de doutoramento en cotutela non lidas na Universidade de Vigo.
As convocatorias de Extensión Universitaria do ano 2009 e os premios extraordinarios de fin de carreira e de doutoramento que serán entregados o vindeiro venres no acto académico de celebración de Tomé de Aquino, foron outros asuntos aprobados na sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrado hoxe.