Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiu hoxe os responsables da política lingüística das universidades galegas. A secretaria xeral da Universidade de Santiago, Isabel García-Rodeja; o secretario xeral da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Carril; e o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, reuníronse hoxe por vez primeira con Anxo Lorenzo para trasladarlle os principais proxectos que se están a desenvolver nas áreas de normalización lingüística das tres institucións.
Durante a reunión, na que intercambiaron puntos de vista sobre as iniciativas das universidades a prol do galego, Anxo Lorenzo amosou o seu interese por que a Xunta forme parte da comisión que veñen de crear as tres universidades, que ten como finalidade impulsar e coordinar o proceso de normalización lingüística no ámbito universitario.
Entre os principais obxectivos desta comisión atópase a definición das liñas políticas de actuación na comunidade universitaria galega no proceso de normalización lingüística, así como a promoción de accións transversais encamiñadas ao fomento e ao uso da lingua galega nos diferentes sectores e ámbitos universitarios, principalmente na docencia e na investigación.