Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).O presidente da Deputación, Rafael Louzán, informou hoxe sobre a aprobación do proxecto de mellora e humanización da rúa Rosalía de Castro (Soutomaior) na Xunta de Goberno celebrada hoxe no Pazo Provincial.
O orzamento desta actuación chegará ós 499.990 euros dos cales a entidade provincial financiará 349.990 euros nas anualidades de 2009 e 2010 e, pola súa banda, o concello de Soutomaior asumirá os 150.000 euros restantes que tamén financiará en dúas anualidades.
A Deputación asumirá a licitación, dirección, execución e recepción da obra. Pola súa banda, o Concello de Soutomaior deberá poñer a disposición os terreos necesarios para acometer os traballos.
As obras executaranse no tramo comprendido entre Xosé Solla e Alfonso Castelao. Proxéctase unha sección con beirarrúas variables de 1,80 a 2,35 metros, un aparcadoiro de 2 metros nun dos sentidos e calzada de circulación de 6 metros entre as dúas rúas. Pola súa banda, no tramo entre Alfonso Castelao e Estación proxéctase unha sección de 12,10 metros dividida en beirarrúas de 1,80 metros, una parada de taxis de 2 metros e calzada de circulación de 6,50 metros.
Novas beirarrúas e iluminación
As obras darán inicio co levantamento da calzada e das beirarrúas nas zonas de actuación. Así mesmo proxéctase un sistema de sumidoiro separativo, con colectores de 800 e 400 mm. de diámetro para pluviais e de 315 mm. de diámetro para as augas fecais.
Nas beirarrúas instalaranse lousas de granito silvestre de 6cm sobre base de formigón de 15cm de espesor, con bordiño de granito.
Tamén se procederá ó fresado do firme existente nunha profundidade de 5 cm e colocarase unha nova capa de aglomerado asfáltico en quente. Nas zonas sen pavimentar (aparcadoiro) abrirase caixa para capa de firme. O asento será xabre de Porriño, compactado, con zahorra artificial.
Dentro deste proxecto prevese tamén a execución da obra civil para as redes de Media e Baixa Tensión, que estará formada por tubarias de polipropileno de dobre parede de 160 e 125 mm. de diámetro. Tamén se prevé unha rede de gas para o que se instalará unha tubaria de polietileno de 90 mm. de diámetro.
Finalmente, o alumeado público cumprirá as normas establecidas polo concello de Soutomaior para explotación e mantemento. Serán columnas tipo Symbol de 8 m. de altura, con base de fundición de 3 m. e fuste telescópico de aceiro inoxidable, con lámpadas de 150W.