15 julio 2009

El Bloque amenaza con ir al Fiscal si el Gobierno no detiene obras de Iberdrola en el cauce del Sil

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, solicitou hoxe a comparecencia na Cámara Alta do Secretario de Medio Rural e Augas, e ademáis, presentou esta mañá un escrito na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil debido ao desastre ambiental que están a provocar as obras do aproveitamento hidroeléctrico de “Santo Estevo II” que leva a cabo a empresa Iberdrola.

As obras teñen que paralizarse imediatamente

Pérez Bouza demanda ao Goberno a paralización imediata das obras. O senador do BNG trasladouse onte ao lugar das obras e puido comprobar que no río Sil non hai circulación de auga desde a propia presa de San Estevo até a desembocadura do río Cabe, chegando incluso a estar completamente seco en varios tramos.

Ademáis, subliña o senador nacionalista, pódese ver maquinaria pesada situada sobre o río e o tránsito de grandes camións para retirar os entullos xenerados.

O senador do BNG advirte ao Goberno sobre as denuncias xa realizadas por asociacións ecoloxistas como Adega a inicios do mes de xullo, sinalando que estas obras provocarían un grande impacto medioambiental no Sil. Tamén puxo de manifesto a oposición dos nacionalistas galegos á concesión de novos aproveitamentos hidroeléctricos como á ampliación dos xa existentes.
Reprocha ao Ministerio de Medio Ambiente que a pesar de todo dese luz verde a este proxecto de Iberdrola que se publicou no BOE o 8 de xullo pasado.

O BNG acudirá o luns á Fiscalía en caso de non actuar a Confederación

“Dada a grave situación na que se atopa este importante río e a grave agresión medioambiental que está a realizar esta empresa, sería pertinente que o Ministerio procedese á paralización imediata das obras, e que técnicos do Ministerio se trasladasen á zona a comprobar o desastre, e proceder así a abrir un expediente sancionador contra Iberdrola”. Neste sentido, pede ao Goberno unha investigación exhaustiva das obras e requírelle que pida responsabilidades a Iberdrola.

No escrito que entregou na sede da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil esta mañá, Pérez Bouza exixe igualmente a suspensión cautelar das obras, a apertura dun expediente informativo que “no caso de concluir que se está a vulnerar a lexislación medioambiental vixente, procédase a sancionar a Iberdrola”, ademáis, deixa claro que no caso de que a Confederación non actúe de imediato, o senador do BNG acudirá o vindeiro luns 20 de xullo a pór estes feitos en coñecemento da Fiscalía “por se for constitutivos de delito”.