16 julio 2009

Financiación : Feijóo dice que abstenerse fue una maniobra inteligente

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe como un “rexeitamento intelixente” a abstención do Goberno galego na votación de onte do novo modelo de financiamento no Consello de Política Fiscal e Financeira. Segundo apuntou, “Galicia non podía perder dúas veces: cun mal modelo de financiamento e renunciando a máis de 600 millóns de euros”.

Nesa liña, o máximo mandatario autonómico resaltou que Galicia non pode apoiar “un sistema de financiamento inxusto e solidario”, pero tampouco pode “renunciar a máis de 600 millóns de euros que van acadar as arcas da facenda autonómica nos próximos tres anos”.

“Esa é a nosa postura: o rexeitamento intelixente á proposta de financiamento autonómico, dicindo que non estamos de acordo co sistema pero que, por suposto, Galicia non vai perder, en ningún caso, un euro se se trata de máis de 600 millóns de euros”, subliñou o Feijóo, quen insistiu en que Galicia non rexeitará esa partida, que cualificou como “clave para as súas finanzas, sobre todo nun momento de recesión económica e de crise económica”.

O presidente da Xunta resaltou a aposta polo consenso que o Goberno galego mantivo durante todo o proceso do financiamento autonómico. Así, sinalou que o Executivo autonómico acadou o consenso coas forzas políticas galegas, como reflicte o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento autonómico. E tamén, engadiu, “buscamos o consenso coas comunidades autónomas”, como mostra o acordo con Castela-León, e o consenso co Goberno de España, que non se acadou. “Buscamos o consenso e lamentablemente tivemos consenso coas forzas políticas e coas comunidades autónomas pero non tivemos o consenso co Goberno de España”.