16 julio 2009

El BNG vuelve a la carga con la financiación y excomulga a PP y PSOE

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, compareceu esta mañá perante os meios para avaliar máis polo miúdo a abstención de Galiza na votación da reforma do sistema de financiamento autonómico no Consello de Política Fiscal e Financeira.

“Como nos temíamos, Galiza vai saír mal parada. Pagamos a factura de non termos un Novo Estatuto. E pagamos tamén a factura de non haber unha posición galega unitaria é á ofensiva. Nós estabamos dispostos a que houbese esa posición. Non foi posíbel polo conformismo do Partido Popular e porque o PSOE galego actúa como altavoz do Goberno do Estado”, valorou o líder nacionalista, quen tamén botou en falta que “desde o Goberno galego se implicase á cidadanía, se informase adecuadamente á opinión pública e mesmo se chamase á mobilización social en defensa dun financiamento xusto para Galiza”.

A resultante do proceso de negociación do financiamento autonómico é que Galiza perde peso como País e iso é produto, engadiu, “do conformismo das forzas políticas estatais que operan en Galiza”. “O que nos veñen dicir é que o que nos ofrecen non é o que queríamos, non é o que necesitabamos, pero en definitiva é algo máis do que nos ofertaban en primeira instancia, así que hai que conformarse”, manifestou o líder nacionalista.

“Nós somos o BNG e para nós Galiza é o máis importante, así que nós non nos conformamos. A nós non nos marcan a posición política desde Madrid. Non podemos asumir un modelo que nos fai perder posicións mentres outros territorios avanzan”, dixo Guillerme Vázquez.

“É inasumíbel todo o que non sexa recibirmos o 7,8 por cento dos recursos totais do sistema, que era xusto o que tiñamos en 1999. Non podemos avalar, dez anos despois, un punto de partida por debaixo dese listón”, esclareceu.

“Foron outros os que dixeron que ían votar que non. Outros os que modificaron a súa posición cando recibiron unha chamada de Madrid. En realidade, o señor Feijóo fixo o que lle ordenou o señor Rajoy cando mandou parar”, indicou o portavoz nacional, para quen o presidente da Xunta de Galiza demostrou carecer de “valentía política” para fixar unha posición propia galega á ofensiva e para “evitar dar bandazos como os que deu durante todo este proceso”.

“Feijóo estivo primeiro pasivo e inactivo ante as mensaxes difusas que lle foron achegando Zapatero, Chaves ou Salgado. Amagou con non se sabe que frentes. Anunciou que comezaba a negociar xusto cando outras comunidades autónomas xa arranxaran o seu. Vamos, un desastre!”, recapitulou.

ABSTENCIÓN, UN SI CRÍTICO

A abstención de Galiza equivale na práctica a un “si crítico” porque representa “unha opción conformista”. “Se a conselleira cifra as necesidades de gasto de Galiza para financiar correctamente as súas competencias en 1.300 millóns de euros, como é posíbel absterse ante apenas 650”, pergúntase.

Non lle ve “nengún recorrido” ao proceso negociador que fica por diante, logo de que onte o Consello de Política Fiscal e Financeira estabelecese os criterios do sistema de financiamento e logo de que o Congreso vote a reforma da Lei Orgánica do Financiamento das Comunidades Autónomas. “Aí previsibelmente o PP absterase tamén, así que non sei ben que é o que vai negociar o señor Feijóo se a súa posición quen lla marca é o señor Rajoy. Non vexo moita marxe para a negociación”, indicou.

Mostrou a súa inquietude porque “non só a porcentaxe que consegue Galiza dos recursos totais do sistema fica mesmo por debaixo do 7,1 por cento, senón tamén porque tampouco se estabelece a garantía de suficiencia dinámica, ou sexa, que a cantidade que se tome como ponto de partida seguramente irá decrecendo co paso do tempo”.

CLÁUSULA-CHANTAXE

O sistema de financiamento que saía desta reforma é no fondo continuista respecto do anterior, se ben máis opaco e confusionista. “Non podemos aceptar un modelo en que o Estado cede o que lle vén en gana e no que mesmo se estabelece unha cláusula-chantaxe en función da cal as comunidades autónomas que se quixesen descolgar non serían compensadas no futuro por unha hipotética perda de recursos”.

O BNG continúa a defender un modelo claramente alternativo. “Queremos unha Axencia Tributaria propia que recade todos os impostos e que transfira parte dos nosos ingresos para pagar as competencias estatais. E queremos que se cubra o custo real dos servizos. En definitiva, o modelo que defendía Alexandre Bóveda: non é posíbel a autonomía política sen autonomía fiscal”.

CRITERIOS CONTRARIOS A GALIZA

Revelou aínda que o modelo aprobado onte polo CPFF introduce ponderacións e criterios claramente contrarios aos intereses de Galiza. “Pondérase nun 20 por cento a populación menor de 17 anos e só nun 8,5 por cento a maior de 65. Isto é obvio que se fixo pensando en calquer territorio menos en Galiza”, informou Guillerme Vázquez, quen tamén salientou que o Estado atribúe a Galiza unha capacidade recadatoria moi inferior á real (5.402 millóns nas estimacións do Goberno, 12.000 nas que se poden tirar das liquidacións fiscais).