Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presentou hoxe as liñas básicas do plan de reestructuración do parque móbil da Xunta, que entre outras medidas prevé o alleamento de 23 vehículos de alta gama, cuxa venta servirá para obter coches destinados a servizos sociais, protección civil, sanidade e policía local.
O Consello da Xunta autorizará o inicio do procedemento de venta, que se fará a través de dous sistemas. En primeiro lugar, terá lugar unha permuta dos tres vehículos blindados, a través da cal o Goberno galego espera obter, como mínimo, unha ducia de vehículos que adicará a servizos sociais e protección civil.
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destacou que o procedemento de permuta, que arrancará este mesmo mes de xullo, será público e transparente e sairá publicado no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, explicou que se optou por este sistema polas especiais características dos vehículos blindados, sen case mercado en Galicia.
En canto aos outros 20 vehículos de alta gama dos que a Xunta se desprenderá por non ser necesarios e polos seus elevados custes de mantemento, optarase por un sistema de poxa pública, cuxas bases tamén serán publicadas no Diario Oficial de Galicia. A poxa levarase a cabo en setembro e cada un dos vehículos se venderá por separado. O prezo de saída global ronda os 350.000 euros, segundo a taxación efectuada por unha empresa especializada. Os cartos que se consigan na poxa tamén se adicarán á compra de vehículos para servizos sociais e para coches de Policía Local,
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza enmarcou a venda destes 23 vehículos de alta gama na liña de eficiencia e austeridade posta en marcha polo novo Goberno galego e explicou que só é unha das medidas que recolle o plan de reestructuración do parque móbil, co que se pretende aforrar un 25% do que se viña gastando, en torno a 1,5 millóns de euros ao remate da lexislatura.
Xunto á venda de coches de alta gama para conseguir vehículos destinados a fins sociais, a Xunta tamén levará a cabo unha reestructuración para evitar que os conductores teñan que facer centos de quilómetros desde onde viven para ter que recoller a un conselleiro ou un alto cargo. Para ser máis operativos, funcionais, aforrar cartos e facilitar o traballo dos choferes, asignarase aos altos cargos conductores próximos aos seus lugares de residencia.
A todo iso súmase a decisión da Xunta de que cada conselleiro teña un só coche oficial, non dous ou tres, o que reducirá os gastos anuais destes vehículos un 50 por cento. Como exemplo, Rueda citou o pasado mes de maio, no que os coches dos conselleiros tiveron un gasto total de 14.000 euros, fronte aos 27.000 euros de gasto que houbo no mesmo mes de 2008, co parque móbil que naquel momento estaba a disposición dos membros do bipartito.