Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, adiantou hoxe que nuns días o seu departamento presentará un documento sobre a reforma da Política Pesqueira Común (PPC) que reflectirá os intereses de Galicia e lle permitirá recuperar “a súa voz en Bruselas”. A titular de Mar sinalou que o texto “someterase as consideracións do sector, dos sindicatos e dos demais grupos políticos”.
Estas declaracións foron realizadas tras manter unha reunión coa Cooperativa de Armadores de Vigo, na que os armadores lle entregaron un informe que intentará “encaixar” no documento da Xunta sobre a reforma da PPC. Rosa Quintana sinalou que Galicia “foi, é e debe ser cabeza en Europa” en materia pesqueira, algo posible só cunha flota “eficiente e eficaz”.
A conselleira do Mar amosouse receptiva respecto da petición dos armadores para colaborar na busca de medidas que garantan un maior control sobre os productos de importación.
Doutra banda os armadores de Vigo solicitáronlle a Xunta que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) apoie ao sector para a adquisición dos dereitos de pesca tras a posta en marcha dos programas de adaptación das flotas (PAF). A este respecto, o director da Cooperativa de Armadores de Vigo, José Ramón Fuertes, recoñeceu o "esforzo" da conselleira para "activar" uns programas que, segundo denunciou, estaban “paralizados".
A maiores, os armadores trasladaron a Rosa Quintana a necesidade de crear un organismo que facilite a comunicación entre o sector e a comunidade científica para coñecer a evolución das pesquerías nos caladoiros. A este respecto, Rosa Quintana adiantou que o seu equipo traballa para por en marcha un comité científico que actuará como asesor, tal e como recollen as modificacións da Lei de pesca.