Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a necesidade de levar a cabo un proceso de modernización da Xustiza para desatascar os xulgados de asuntos pendentes derivados da actual conxuntura de crise económica. O mandatario galego avogou por acadar un sistema xudicial, cada vez máis “xusto, eficaz e eficiente” e por facer “da modernización da Xustiza –tan ansiada como cuestionada-, unha realidade”.
“Faise preciso reformar normativas e, en definitiva, repensar as estruturas vixentes para facilitar o traballo xudicial e mellorar o servizo que reciben os cidadáns: non teño dúbida de que a tramitación de diversos proxectos de lei de gran calado (oficina xudicial, reforma penal...) nos permitirán ser testemuñas excepcionais desta actuación”, asegurou.
Durante o acto de inauguración da Escola de Verán do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), esta tarde do Pazo de Mariñán, e na que tamén participaron o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño e o presidente do Tribunal Supremo e do CXPX, Carlos Dívar, Feijóo sinalou que estamos nun momento “crucial” de cambio e adaptación da Xustiza a una sociedade propia do século XXI. Algo para o que, dixo, “somos necesarios todos”.
Un incremento de causas “sen precedentes”
Na súa intervención, o mandatario galego destacou a importancia da Xustiza, máis no actual contexto económico que padece o país e cuxos efectos, explicou, “se teñen estendido tamén aos nosos xulgados e tribunais” onde se ten producido un incremento “sen precedentes“ das causas pendentes, cun aumento do 15 por cento proxectado para o ano 2009 nas causas penais, o que constitúe un dato fundamental a ter en conta á hora de deseñar iniciativas.
Por iso, indicou o presidente galego ante os participantes na Escola de Verán do Consello Xeral do Poder Xudicial, “este foro de intercambio de opinións e experiencias é tan significativo para irse axeitando ao trepidante ritmo dos tempos nos que nos tocou vivir”.
Por último, o titular da Xunta expresou a súa convición de que encontros coma o de Mariñán contribuirán dun modo eficaz á consecución do obxectivo de dotar dunha formación continuada da calidade aos membros do Poder Xudicial e tamén de constituír un foro de debate que permita solucionar os problemas do presente e os do futuro, concluíu.