02 julio 2009

Feijóo firma el Plan de Vivienda y aprovecha para leernos otra epístola

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, puxo de manifesto que o acordo subscrito hoxe entre o Goberno galego e o Ministerio de Vivenda para poñer en marcha en Galicia o Plan de Vivenda 2009-2012 “abre as portas dun fogar en Galicia a 50.000 familias”. O mandatario galego sinalou que o acordo amosa “o que debe significar a cooperación institucional para os cidadáns: máis oportunidades”.

Núñez Feijóo reuniuse hoxe en Madrid coa ministra de Vivenda, Beatriz Corredor, para formalizar o convenio sobre Vivenda entre a Administración galega e o Goberno, que conta cun presuposto de 600 millóns de euros dos que a Xunta aportará unha contía de máis de 130 millóns de euros.

Un exercicio de autogoberno responsable
“O Goberno galego é plenamente consciente da situación de especial dificultade que estamos a vivir e, polo tanto, estamos decididos a facer un exercicio de autogoberno responsable, como o é este acordo”, sinalou o xefe do Executivo galego, que engadiu: “En todo o que beneficie aos cidadáns, o Goberno de España nos atopará con esa vontade que mantivemos co presidente do Goberno. Coa mesma predisposición abordamos o acordo por escrito sobre infraestruturas e con esa actitude, -proseguiu-, subscribimos hoxe este Plan compartido de Vivenda, co mesmo desexo co que acudimos esta tarde á cita coa vicepresidenta económica”, Elena Salgado, enfatizou.

O presidente galego reiterou o compromiso do seu Goberno por dotar aos cidadáns das maiores posibilidades de acceso a unha vivenda, “algo que a Xunta concibe como o que é: un dereito”, aseverou. Así, lembrou que no consello da Xunta de mañá, levarase o proxecto de lei para acometer unha importante rebaixa fiscal do imposto de transmisións patrimoniais e de actos xurídicos documentados para facilitar o acceso á vivenda a mozos menores de 36 anos e familias numerosas.

Axuda total de entre 7.000 e 10.000 euros para adquirir unha vivenda en Galicia
No transcurso da súa intervención, o titular do Goberno galego concretou que o Plan de Vivenda 2009-2012 asinado hoxe suporá a promoción de vivendas protexidas de nova construción, para a súa venta ou alugueiro, que ampliará o aceso á vivenda protexida e que recolle diversas actuacións para a rehabilitación de inmobles.

Feijóo subliñou que a Xunta aportárá 2.000 euros adicionais en axudas directas para a compra dun piso a aqueles que accedan a unha vivenda por primeira vez; axudas, que serán acumulables ás establecidas con carácter xeral no Plan, polo que establecer un fogar en Galicia suporá unha axuda total de entre 7.000 e 10.000 euros.

Deste xeito, este acordo contempla un total de 50.755 actuacións que supoñen un incremento do 56,57 por cento respecto ao ciclo anterior. Entre elas, figura a promoción de 13.780 vivendas protexidas e de nova construción; tanto para a venda, para o que estarán dispoñibles 9.260 inmobles, como para aluguer, para o que se destinarán 3.980 pisos e se concederán 3.200 axudas.

Este Plan significará, tamén, a redución do actual stock de vivendas para colocalas no mercado a través de axudas para a adquisición de 1.070 pisos baleiros non que xa teña transcorrido un ano desde o outorgamento da licenza de primeira ocupación e que o promotor decida cualificar como vivenda de promoción autonómica. Así mesmo, Feijóo destacou que con este plan se establece a posibilidade de cualificar como protexida unha soa vivenda dentro dun edificio de pisos libres, e a posta en marcha de 29.000 actuacións de rehabilitación, erradicación do chabolismo ou axudas Renove para mellorar a eficiencia enerxética das casas.