Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro Roberto Varela asegurou hoxe que o Centro de Recepción de Visitantes da Ribeira Sacra que se está a construír en Sober estará rematado a finais do presente mes de xullo, de tal xeito que a obra poida ser recepcionada con data 1 de agosto. Con esta previsión, a Consellería de Cultura e Turismo estima que o equipamento da instalación sexa acometido coa maior brevidade posible, co obxectivo de que o Centro de Recepción de Visitantes entre en funcionamento no mes de setembro.
Na visita institucional realizada ao Concello de Sober, o conselleiro de Cultura e Turismo e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, foron recibidos polo alcalde José Gómez e, posteriormente, comprobaron in situ o avance das obras do Centro de Recepción. Segundo Roberto Varela, trátase dun proxecto “estratéxico” para o desenvolvemento do Plan de Dinamización Turística do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, no que participa a Xunta de Galicia.
O titular da Consellería de Cultura e Turismo asegurou a continuidade da colaboración cun Plan de Dinamización “exemplar” que conseguiu superar “os localismos, unindo a Lugo e a Ourense como un mesmo destino singular”. Neste sentido, Roberto Varela animou a seguir traballando en proxectos “innovadores e diferenzadores nos que a referencia Ribeira Sacra funcione como unha invitación irresistible para os visitantes, debemos crear auténticos produtos turísticos capaces de dar resposta ás demandas actuais dos diferentes públicos obxectivos”.
Programas específicos
Entre os plans específicos que se están a deseñar para a promoción turística da Ribeira Sacra, o conselleiro Roberto Varela destacou o programa para a Terceira Idade e escolares, o ciclo de concertos de música clásica en mosteiros “aproveitando o patrimonio arquitectónico para acoller formacións de cámara de calidade” e a colaboración con equipos deportivos de alto nivel para as súas concentracións.
Doutra banda, a Consellería de Cultura e Turismo respaldará as iniciativas para a comercialización de destinos emerxentes como a Ribeira Sacra con viaxes de familiarización con tour-operadores e medios de prensa.
Turismo de calidade
A xornada de traballo incluíu unha visita ás obras de rehabilitación do Palacio de Sober, que suporá o acondicionamento do emblemático edificio dos séculos XVI e XVII como establecemento hoteleiro de primeiro nivel. A intervención, que contou co preceptivo informe favorable previo de Patrimonio, servirá para ampliar a capacidade hostaleira de Sober e, segundo o conselleiro, “contribuirá á difusión do municipio e da Ribeira Sacra”.
A visita institucional das autoridades concluíu no Mirador do Cotarro do Castro sobre o río Sil. Roberto Varela coñeceu de man da arquitecta Isabel Aguirre de Urcola o proxecto para a súa remodelación cunha peza construtiva de aceiro e madeira e para a adecuación ambiental do entorno. “Avaliaremos todas as intervencións que supoñan unha mellora esencial e aporten un sinal diferenciador da Ribeira Sacra como destino turístico de calidade”, subliñou.