01 julio 2009

Feijóo reconoce que Chaves le dio esperanzas pero Elena Salgado más bien calabazas por el momento...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “A negociación segue aberta. Onte demos pasos adiante e hoxe non”. Así se expresou hoxe o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo á saída da reunión que esta tarde mantivo coa vicepresidenta segunda e ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, para tratar a reforma do sistema de financiamento autonómico. O mandatario galego resaltou que “non hai un acordo de financiamento no que a Galicia se refire” aínda que “seguimos traballando para acadalo”.

Ao término da xuntanza que, en palabras de Feijóo, transcorreu nun ton “cordial”, o presidente da Xunta recalcou que “seremos os últimos en levantarnos dunha mesa de negociación” e explicou que, no encontro, se lle expuxeron á vicepresidenta “as diferentes posturas” acerca dos criterios a ter en conta para establecer un novo modelo de financiamento solidario coas comunidades autónomas.

“De momento, non pechamos un acordo”, sentenciou. “Hoxe, lamentablemente, non puidemos avanzar”, apostilou Feijóo, que engadiu: “Saio da reunión con máis dúbidas do acordado onte e menos certezas”. O presidente da Xunta lembrou a postura mantida ata o de agora: “Mantivemos que había moito traballo por diante e que o importante non era a data, senón chegar a un acordo”, enfatizou, e remarcou: “Estamos dispostos a seguir traballando”.

Feijóo amosou o seu desexo de que se poida “seguir avanzando nos próximos días” posto que, aseverou, “a negociación segue aberta”. “Hoxe os galegos saben que acordamos o que é bo para Galicia, que significa: cohesión, equidade e solidariedade. Os galegos, -proseguiu-, saben que non acordamos o que lles prexudica”.

Un acordo que beneficie a todos
O mandatario galego lembrou as últimas reunións mantidas en recentes días con membros do Executivo central. “Estes días os galegos amosamos a nosa predisposición aos acordos que beneficien aos cidadáns. Reunímonos co presidente do Goberno, con Fomento; onte, co vicepresidente terceiro e ministro de Política Territorial e hoxe vimos de asinar un acordo en materia de Vivenda”, dixo.

O xefe do Executivo galego lembrou que na reunión mantida onte en Santiago con Manuel Chaves, estableceuse “un bo punto de partida” que consistía nunha porcentaxe similar ao peso relativo de Galicia no sistema e que se tería en conta a dispersión, o avellentamento posto que, un modelo baseado só na poboación, era insolidario.

Núñez Feijóo, relatou que lle deixou á vicepresidenta económica documentación “obxectiva, obxectivable e tecnicamente impecable, que demostra o peso da dispersión e o avellentamento en Galicia”.

Explicou que en Galicia, a dispersión, supón que o 50 por cento dos núcleos de poboación de España sexan galegos, que a Xunta sexa a primeira empresa de transporte escolar de España e que na nosa comunidade haxa máis médicos, puntos de atención continuada (PAC) e centros de saúde que na media de España. “Gástase máis en transporte sanitario que na media española”, puntualizou. Ademais, sinalou que o gasto de transporte escolar en Galicia supón un 22 por cento do Estado.

“Non chegamos a acordos”, reiterou o presidente galego quen, non obstante, recoñeceu o compromiso do Goberno a “estudar as razóns obxectivas de maior custe”. “Espero e desexo que deste estudo saia unha postura diferente”, resaltou Feijóo. “Creo nos acordos e creo que non se pode substituír acordos pactados entre todos por desacordos. Polo tanto, -agregou-, non de momento. Galicia non pode asumir o modelo”.

Así e todo, o presidente da Xunta recoñeceu que o Goberno galego “estará atento” aos resultados do comprometido con Galicia e dos contactos entre a Xunta e o Ministerio.