Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, achacou os problemas da financiación autonómica á falta de acordo co PSOE, afirmando que “Manuel Vázquez exerce de lacaio de Ferraz e venderá Galicia por 30 moedas de prata”, ou o que é o mesmo, o “5,4% dos fondos adicionais aportados polo Estado”. Con esta acusación, o popular fixo referencia á contradicción na que incurriu o secretario xeral do PSOE galego, quen fai uns meses votaba no Parlamento a favor de que Galicia non recibise menos do 7,1% dos fondos adicionais e agora acepta que reciba só o 5,4%, que supón 190 millóns menos.
Miranda criticou a Manuel Vázquez por agradecer cos seus “aplausos aos desprezos do Goberno” o favor que Zapatero e José Blanco lle fixeron colocándoo “a dedo” na dirección do PSOE galego. Nesta liña, afirmou que Vázquez é “un líder sumiso ás ordes dos seus xefes no PSOE” e que baixou “o listón das súas esixencias ao son que marcaba Ferraz”.
O portavoz do PPdeG tamén afirmou que Manuel Vázquez non é o único galego que se ri ante os desprezos do Goberno, senón que tamén o fan a ministra de Economía, Elena Salgado, e o ministro de Fomento, José Blanco, que non fan nada por “remediar a falta de compromiso de Zapatero con Galicia”. Os tres son, en palabras de Miranda, “cómplices dun modelo nocivo para Galicia” mentres que un militante do PPdeG, presidente da Xunta, “pelea por lograr un acordo que nos beneficie”.
INCREMENTO DAS DIFERENCIAS COAS COMUNIDADES RICAS
Miranda asegurou que o PPdeG non pode estar dacordo cun borrador que establece que Galicia vale case sete veces menos que Cataluña. Considerou absurdo que “o campo de discusión se estableza na sede de ERC”, a quen convertiron en principal interlocutor das negociacións posto que é aí onde se xoga o futuro do Goberno de Zapatero, quen emprega os fondos adicionais para solventar os seus problemas no Congreso.
Miranda afirmou que o modelo que se está xestando “despreza as nosas ganas de avanzar” e que con el veremos “como as diferenzas coas comunidades ricas non decrecen, senón que veremos cómo se incrementan”. Por iso, o popular etiquetou de “falta de respecto institucional” a actitude do Goberno, que antepón os seus intereses políticos aos intereses dos cidadáns.