16 julio 2009

Novas ferramentas ao servizo do Galego

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, afirmou hoxe que desde Política Lingüística da Consellería de Educación e O.U. están “completamente decididos a potenciar a lingua galega a través dos novos recursos tecnolóxicos”. Lorenzo fixo estas declaracións no Club Internacional de Prensa de Santiago durante a presentación da nova versión do CORGA, o Corpus de Referencia do Galego Actual. Con este proxecto do Centro Ramón Piñeiro acada os 25 millóns de formas e inclúe novas ferramentas que permiten desenvolver unha análise da lingua galega moito máis sofisticada.

Esta aposta pola investigación e as novas tecnoloxías conforman, segundo afirmou Lorenzo, “unha liña de actuación prioritaria da política lingüística do Goberno galego”, que ten como obxectivo “fornecer produtos e servizos electrónicos que fagan posible acceder aos recursos que ofrecen as novas tecnoloxías empregando a lingua galega”, comentou.

Ademais do secretario xeral, tamén participaron no acto de presentación Guillermo Rojo, director técnico da área lingüística do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Eva Domínguez e Mario Barcala, coordinadores da parte lingüística e da parte informática do proxecto, respectivamente.

Novas ferramentas de investigación
O CORGA consiste nun corpus de documentos en formato electrónico no que están representados os diferentes tipos de textos (xornalísticos, divulgativos, literarios, etc.) da lingua galega actual, desde 1975 ata a actualidade. Entre os principais avances que incorpora esta última versión do CORGA atópase o desenvolvemento do Etiquetador / Lematizador do Galego Actual (XIADA), que engade información gramatical sobre as palabras e un sistema de busca por palabra moito máis avanzada. Os outros dous recursos lingüísticos que se proporcionan son a lista completa de formas ortográficas diferentes (386.000) presentes no CORGA, xunto coa súa frecuencia de ocorrencia, e unha ferramenta que achega diversa información sobre cada palabra.

O CORGA está dispoñible na rede no enderezo http://corpus.cirp.es/corga e o rexistro no sistema é gratuíto. Os sistemas e recursos relacionados con este proxecto están destinados principalmente aos investigadores da lingua galega actual nos diferentes ámbitos, fornecéndoos con ferramentas que lles permitan, por unha banda, obter datos de diversa índole relacionados co emprego da lingua e, pola outra, desenvolver ferramentas de análise do galego cada vez máis sofisticadas.