Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA). O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, presentou este mediodía, xunto co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e das Rutas do Viño desta DO, José Ramón Meiriño, o novo itinerario do Rosal, incorporado desde hoxe a este percorrido enoturístico. Este novo traxecto correspóndese co da subzona do Rosal e constitúe unha das primeiras apostas da Asociación Ruta do Viño Rías Baixas por ampliar a súa influencia ás diferentes subzonas da Denominación de Orixe.
Na rolda de prensa de presentación tamén estiveron presentes o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo; os alcaldes de Tui, Antonio F. Fernández Rocha e O Rosal, Jesús M. Fernández Portela; o concelleiro de Gobernación Administrativa de Gondomar, Manuel Núñez Sestelo, e Rosalía Verde, representante do Concello de A Guarda.
Un total de 15 empresas e tres concellos (O Rosal, Tomiño e A Guarda) da subzona do Rosal adheríronse a este nova aposta por un turismo diferenciado e de calidade, que permite aos visitantes beneficiarse das vantaxes que ofrece este itinerario: amplos horarios de visita (de luns a venres e, nalgún caso, sábados pola mañá) e a posibilidade de degustar os viños amparados pola Denominación de Orixe ou de mercar algunha das marcas máis destacadas de Rías Baixas en calquera das seis adegas e establecementos que se integran neste itinerario. Ademais, este percorrido permitirá aos usuarios coñecer e gozar da gastronomía desta zona, do contorno paisaxístico e cultural do Rosal e da tradición vinícola desta subzona.
Con este novo itinerario, a Asociación Ruta do Viño Rías Baixas incrementa o seu número de socios, pasando dos 56 iniciais aos 93 actuais. O obxectivo, cara ao futuro, é integrar a todas as subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas neste proxecto enoturístico, involucrando para iso a institucións, concellos, deputacións, cámaras de comercio e asociacións empresariais, entre outras entidades.
Mar, ríos e viño
Este novo itinerario do Rosal xira en torno ao mar, aos ríos e, sobre todo, ao viño, produto sobre o que pivota toda esta iniciativa. Este percorrido de turismo integral acolle ao longo de 34 quilómetros un total de 6 adegas, 4 restaurantes, 2 tendas especializadas, unha viñoteca, unha destilería, un aloxamento turístico e un museo. Coas variedades de uva autóctonas desta subzona, as adegas amparadas pola Denominación de Orixe elaboran desde viños plurivarietais (como pode ser o Rías Baixas Rosal) e monovarietais de Rías Baixas albariño ou calquera outro producido con variedades amparadas, ata os tintos e outras elaboracións especiais. Todo iso extraendo a máxima calidade das variedades autóctonas, coma albariño, caíño ou loureira, que dan lugar a uns viños de excelente finura e personalidade; viños de aromas sutís, afroitados e envolventes.
Diferentes axentes representados
Esta ruta conta cun Ente Xestor, que é a Asociación Ruta do Viño Rías Baixas, no que están representados os diferentes axentes (públicos e privados), e que leva a cabo as actividades necesarias de planificación e xestión da mesma. Ata a data, nesta agrupación só tiñan representación os socios do Salnés, ao ser a única subzona na que se desenvolvía a ruta.
Actualmente esta iniciativa está englobada dentro das Rutas do Viño de España, que constitúen unha aposta turística cun amplo programa promocional a través de Turespaña, participando en feiras internacionais e protagonizando viaxes de xornalistas de turismo de todo o mundo. Ademais, a través de organismos como ACEVIN (Asociación de Cidades Españolas do Viño), o Patronato de Turismo Rías Baixas (dependente da Deputación de Pontevedra) e Turgalicia, esta ruta e os seus integrantes participan en diferentes eventos sectoriais dentro e fóra das nosas fronteiras, caso da presenza de Rías Baixas, a través da súa ruta do viño, na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur. O éxito do labor da asociación Ruta do Viño Rías Baixas pasa por conseguir a desestacionalización do turismo; pola apertura de novos mercados; pola ampliación de novos itinerarios; por levar a cabo accións de formación e sensibilización que contribúan á mellora da prestación de servizos e a comercialización deste produto e por unha racionalización da sinalización, para facilitar a accesibilidade dos turistas aos establecementos.
Historia
A Ruta do Viño de Rías Baixas constitúese en 1996, momento no que só abarcaba a provincia de Pontevedra e no que os únicos establecementos adheridos asociados eran adegas. Esta iniciativa xurde do sector empresarial de Rías Baixas, que ve a necesidade de ampliar as posibilidades de negocio e, para iso, inspírase nas experiencias doutras rexións vitivinícolas europeas (Borgoña, Burdeos, etc.). É nese primeiro momento cando se deseña a primeira sinalización das adegas e publícase o primeiro mapa da ruta. Todo iso coa colaboración e a achega económica das bodegas participantes.
No ano 2004, baixo a dirección de Turismo Rías Baixas e a proposta do Consello Regulador, comeza unha nova andaina, tendente a promover a ruta. Para iso búscanse novos socios noutros sectores, como a hostalería, a restauración ou o turismo rural. En 2005 a Fundación Comarcal Exposalnés retoma o proxecto e vincúlao a ACEVIN, ao obxecto de certificar a ruta. Nesta nova fase incorpóranse concellos, adegas e diversos establecementos relacionados co turismo, todos eles na subzona do Salnés. Ademais, deséñanse catro itinerarios, previa certificación de ACEVIN, e a Ruta do Viño Rías Baixas intégrase dentro de Rutas do Viño de España, converténdose nunha das catro certificadas no Estado e na primeira galega.