Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, presentaron hoxe o Plan TIC de Medidas Urxentes do Goberno galego, aprobado polo Consello da Xunta a pasada semana e que prevé a posta en marcha dun plan de implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no ámbito da Xustiza, que ten un orzamento de 2,1 millóns de euros e que será aprobado mañá no Consello da Xunta.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destacou hoxe a súa intención de poñer en marcha “un proxecto tecnolóxico global” para toda a Xunta e subliñou que o plan de medidas urxentes é o primeiro paso nesa planificación estratéxica. O plan ten un período de vixencia dende maio de 2009 ata decembro de 2010 e o seu presuposto total é de 8,3 millóns de euros para estes dous anos.
O plan prevé tomar de xeito inminente decisións para evitar impactos en proxectos e sistemas actualmente en marcha, ademais de actuacións orientadas a mellorar a eficiencia no gasto tecnolóxico, na liña de inducir un aforro efectivo nos sistemas de tecnoloxías de información da Xunta e que gracias ás TIC se poida mellorar o control do gasto doutras áreas da Xunta. “Temos o convencemento de que a inversión en tecnoloxía é rendible para Galicia”, destacou Mar Pereira, que explicou que a terceira das liñas de actuación pasar por identificar proxectos tecnolóxicos que sustenten iniciativas estratéxicas da Xunta.
Os proxectos estratéxicos pasan por un novo modelo de relación e servizo público a través do e-goberno e a e-administración; por unha administración achegada aos cidadáns as 24 horas a través de servizos multicanle e plataformas de colaboración; pola oficina dixital para o desempeño da función pública cun sistema de información de persoal; por unha plataforma corporativa de sistemas e de continuidade de servizo: e por un plan director de telecomunicacións; ademais do xa citado plan de sistemas de xustiza, que a secretaria xeral desenvolveu hoxe máis polo miúdo.
Dito plan TIC de medidas urxentes no ámbito da Administración de Xustiza en Galicia recolle actuacións concretas a abordar no período 2009-2010, estructuradas en cinco ámbitos de actuación:
- A consolidación de procesos de posta en marcha de sistemas de información.
- A seguridade.
- A estabilidade continuidade dos servizos actuais.
-A mellora organizativa no servizo TIC en relación cos usuarios.
- A dinamización e o uso axeitado de sistemas de información.
Dentro das grandes liñas de actuación do plan, ten especial relevancia o Plan de Sistemas da Xustiza, que fará un especial fincapé no intercambio de información e en dar resposta aos modelos da nova oficina xudicial.