16 julio 2009

Problema lácteo : el Bloque apoya a los ganaderos y carga la mano sobre el PP que gobierna la Xunta

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A deputada do BNG e portavoz de Medio Rural no Parlamento galego, Tareixa Paz, afirmaba este mediodía, que resulta “inadmisíbel que a Xunta leve tres meses de inacción na crise do sector lácteo cando ten competencias para adoptar medidas”.

A deputada nacionalista facía estas declaracións na concentración de apoio aos gandeiros que tiña lugar este mediodía diante das dependencias da Xunta, en San Caetano.

Un goberno galego “ausente” e que aínda non fixo nada

Paz criticou ao Goberno galego por “estar totalmente ausente na crise do sector lácteo, por non ter adoptado ningunha medida e por utilizar esta situación tan só para trasladar o problema ao Goberno central”. A deputada do BNG deixou claro que a Xunta “ten competencias para facer algo, para adoptar medidas e para axudar aos productores”.

Lembrou que o BNG levou ao Congreso e ao Senado varias iniciativas que foron aprobadas, e que “aquí, no Parlamento galego, presentamos tamén diversas iniciativas que foron rexeitadas polo PP no pasado mes de maio”.

O BNG fai propostas e o PP mira para outro lado

Subliñou que o BNG ten ánimo de aportar medidas e propostas para facer fronte á crise dun sector estratéxico para Galiza, por iso, “presentamos propostas que poñemos a dispór do PP para que as adopte. Propoñemos medidas que van desde as axudas directas, a continuar impulsando os contratos, a cambiar a estructura e outras moitas, que se deberían ter en conta”.

Para Tareixa Paz o que é inadmisíbel “é que o Goberno galego leve tres meses de inacción, tres meses nos que non adoptou ningunha medida para axudar aos gandeiros”.

A parlamentar do BNG puxo de manifesto que “os nacionalistas galegos, igual que vimos facendo desde hai meses, defendemos que todas as Administracións que teñen competencias na cuestión tomen as medidas pertinentes para axudar ao sector a saír da crise”. No caso da Xunta, o Señor Feijoo “xa a estas alturas podía ter aprobado unha vía de axudas directas ao sector, como xa pediamos nunha proposición que foi rexeitada polo PP hai dous meses”.

“Existen instrumentos legais, competencias e economía para facelo”, puntualizou Paz. Tamén, sinalou, é preciso que se avance nas negociacións no ámbito do sector para garantir a recollida da producción a prezos xustos e equilibrados, así como o establecemento de mecanismos de fixación dos prezos transparente.

A parlamentar do BNG demandou á Xunta que “despregue toda a capacidade de presión e negociación ante o Estado español para que se dote ao sector lácteo dun Fondo destinado a axudar ao sector para facer fronte ao novo cenario que introduciu as últimas reformas da PAC”.

Tareixa Paz afirmou que “de igual xeito que no ámbito europeo, na Administración central e na autonómica se dan axudas á banca e á automoción, tamén se poden arbitrar axudas para os gandeiros”.