14 octubre 2009

X Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Pontevedra

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O vicepresidente José Juan Durán inaugurou as X Xornadas de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Pontevedra, acompañado do director da Escola de Canteiros, Rafael Fontoira, e do presidente da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia, Carlos Acuña.
Estas xornadas, que se veñen realizando dende o ano 1989 co obxectivo de divulgar o patrimonio heráldico e nobiliario da provincia de Pontevedra, desenvolveranse do 13 ó 15 de outubro na Escola de Canteiros, organismo autónomo da Deputación pioneira no mundo dende punto de vista da ensinanza do oficio da canteiría.
A principal finalidade das xornadas é desenvolver unha actividade de formación e investigación que reúna a todos aqueles expertos, afeccionados e interesados en coñecer o mundo das armerías e dos valores que representa.
Durán sinalou que a continuidade na celebración destas charlas é mostra do interese suscitado, cada vez maior. Destacou, ademais, que para a Deputación representa un gran reto seguir a traballar na súa organización e, por ende, na divulgación de elementos cun importante valor heráldico, xenealóxico e histórico. Engadiu que, aínda que é moito o labor por facer, existe por parte desta institución un verdadeiro interese por seguir apoiando este tipo de iniciativas. Quixo tamén, neste acto de apertura, agradecer a colaboración da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia na organización destas xornadas, a participación dos conferenciantes así como o traballo investigador desenvolvido por todos os heraldistas galegos.
Despois do acto de apertura das xornadas tivo lugar unha comunicación de Carlos Viscasillas en homenaxe a José Santiago Crespo Pozo, coñecido como “Padre Crespo”, un dos principais xenealoxistas e heraldistas do século XX, non só en Galicia senón tamén en América, nun ano no que se cumple o primeiro centenario do seu nacemento. A continuación, tiveron lugar as conferencias “Legalización de emblemas municipales en Galicia”, a cargo de Carlos Acuña, e “Heráldica militar en Galicia y evolución del escudo de España”, impartida por José Fernando Navas.