14 octubre 2009

BNG sigue amagando con su no a los presupuestos de Zapatero

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, afirmou hoxe en rolda de prensa que “o BNG está máis perto do non que do sí aos Orzamentos do Estado 2010 xa que no vemos avanzos suficientes na negociación que estamos a manter co PSOE”.

Jorquera realizaba esta afirmacións despois da xunta mantida co portavoz do grupo socialista, José Antonio Alonso, na ronda de conversas para negociar os Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro exercicio.

O deputado nacionalista subliñou que “damos moita importanza á carpeta galega pero para nós tamén é moi importante o relativo á política fiscal”. Nese sentido, explicou aos xornalistas que as propostas do BNG xiran en torno á modificación fiscal, a establecer políticas de estímulo fiscal para sectores estratéxicos para Galiza, como o lácteo, moi afectados pola crise, un Plan para o sector lácteo para cando desaparezan as cotas e unha mellora dos investimentos territorializados para Galiza, pedindo un “aumento das partidas en máis de 250 millóns de euros”.

Dous escollos: o PSOE négase a modificar as ICAV ou introducir un imposto para as grandes fortunas e segue enrocado na suba do IVE

Salientou o feito de que “non houbo avanzos suficientes por parte do PSOE. Unicamente está en disposición de falar sobre se é posíbel unha maior progresividade no IRPF nas rendas de traballo e capital, tamén a disposición a estudar elementos de progresividade na eliminación dos 400 euros, pero hai dous escollos principais: o PSOE segue opoñéndose a modificar a tributación das ICAV ou introducir un imposto para as grandes fortunas, e tampouco dá marcha atrás na proposta de subir o IVE”.
Enfatizou o “total desacordo do BNG coa medida de incrementar impostos indirectos, coa suba do IVE. Non é xusto, é contraditorio e penaliza o consumo”.

A proposta fiscal do BNG: 4.100 millóns máis sen subir o IVE

Nesa liña, explicou que os nacionalistas galegos trasladaron ao PSOE unha proposta fiscal que tería un impacto importante na recadación, suporía unha recadación de 4.100 millóns máis e sen necesidade de subir o IVE”. Pero, indicou, “o PSOE está inamovíbel na cuestión do IVE”.

Asemade, “puxemos enriba da mesa medidas fiscais de estímulo para os sectores máis afectados pola crise, como o lácteo. E a necesidade de mellorar sensibelmente o investimento territorializado para Galiza, tanto no cuantitativo como no cualitativo”. Pero tampouco aquí “se produciron avanzos”. Sinalou que o PSOE se comprometeu a facer contrapopostas que “examinaremos”.

A preguntas dos xornalistas, o deputado do BNG defendeu a introdución de elementos de progresividade no denominado cheque-bebé. Concretou que o BNG demanda un novo tramo no IRPF para as rendas altas de traballo, superiores a 95.000 euros ao ano, así como a necesidade dun imposto para as grandes fortunas (superiores a 1 millón de euros), a modificación das ICAV, mantimento dun tramo ao vixente do 18% e incluir un novo tramo para as rendas superiores a 36.000 euros ao 26%. E fixo especial fincapé na necesidade de loitar contra a fraude fiscal. As propostas fiscais do BNG suporían unha recadación de 4.100 milllóns máis e sen subir o IVE.

O deputado do BNG deu moita importanza á cuestión fiscal, “especialmente que se corrixa o do IVE”, e engadiu que “non queremos que o PSOE nos pretenda utilizar para pór a guinda ao pastel sen correxir os ingredientes”.

A carpeta galega: 250 millóns máis

Respeito á carpeta galega, o deputado do BNG subliñou que os investimentos para Galiza deben medrar respeito ao 2009. “É preciso incrementar a dotación en 250 millóns de euros máis, de xeito que o total fique en 2.250 millóns”. Salientou a necesidade de introducir tamén cambios cualitativos xa que as partidas contempladas para o AVE non garanten o cumprimento dos prazos, en especial alusión ao Lubián-Ourense, e tamén fixo fincapé na necesidade de mellorar as dotacións para a modernización da rede ferroviaria convencional.