30 septiembre 2008

ÁLVARO MUTIS ALABA A EXCELENCIA DA LITERATURA GALEGA NA SÚA VISITA Ó PAZO DA DEPUTACIÓN


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Álvaro Mutis, un dos autores máis influentes da lingua española, foi recibido hoxe no Pazo da Deputación polo vicepresidente e Deputado delegado de Cultura, José Juan Durán. O Premio Cervantes e Príncipe de Asturias da literatura atópase en Galicia con motivo da consecución do Premio Rosalía de Castro, o maior galardón literario da comunidade, segundo explicou o Luis González Tosar, presidente da Fundación Pen Club, que acompaña a Álvaro Mutis na súa visita.
No transcurso da recepción, Mutis asinou no libro de honra da Deputación na que se pode ler “para la honorable Diputación y para su presidente, Rafael Louzán, toda mi estimación y profundo respeto”. Durante a súa sinatura Mutis comentou a modo de anécdota que ten a súa particular caligrafía e que, nunha ocasión, Gabriel García Márquez lle dixo que “escribía como Drácula”.
O autor de orixe colombiano alabou a literatura galega, neste senso, manifestouse “admirador de Valle-Inclán, y de la cultura y el paisaje gallego”. Confesou, así mesmo, sentirse “muy emocionado de venir a esta región, que era uno de mis sueños. Tengo que hacer un esfuerzo para no creer que estoy soñando”.
José Juan Durán destacou a prolífica obra do escritor e fixo un repaso pola súa traxectoria. Así mesmo, entregoulle a insignia de ouro da provincia. Posteriormente, Durán acompañou a Álvaro Mutis ás visitas que tiña previstas á Casa Museo de Valle-Inclán; así como á casa natal de Julio Camba, en Vilanova de Arousa.
Finalmente, o presidente da Fundación Pen Club comentou que a visita de Mutis está enmarcada nun proxecto que terá como obxectivo atraer a esta provincia e a Galicia figuras literarias destacadas como se fixo hai varios meses con Nélida Piñón. “Queremos que estes sexan embaixadores da nosa literatura que é unha xoia e que ten brillo propio, pero que non acadou a trascendencia que se merece”.
Álvaro Mutis empezou moi pronto a colaborar en revistas literarias e publica o seu primeiro libro de poemas, “La balanza”, en 1947, en colaboración con Carlos Patiño. En 1960 inicia un viraxe cara a prosa, con “Diario de Lecumberri”, que escribiu dende a cárcere mexicana.
En 1973 publica a novela “La mansión de Araucaíma” e recolle os seus poemas dende 1948 a 1970 en “Summa de Maqroll el gaviero”. Entre as súas obras en prosa merecen destacarse “La nieve del almirante” (1986), que recibiu en Francia o premio á mellor novela estranxeira, “Ilona llega con la lluvia” (1988), “Un bel morir” (1989), “La última escala del Trump Steamer” (1990), “Amirca” (1990) e “Abdul Bashur, soñador de navío” (1991).
Gran amigo de Octavio Paz e de Gabriel García Márquez, este último é o primeiro lector dos seus borradores. Álvaro Mutis recibiu múltiples e destacados recoñecementos, en 1974 foi galardoado co Premio Nacional das Letras de Colombia, en 1983 co Premio Nacional de poesía de Colombia; en 1989 foi galardoado co Premio Medici á mellor obra estranxeira en Francia; no ano 1997 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras «por la originalidad y compromiso intelectual de su obra poética y narrativa en la cual destaca el personaje "Maqroll el Gaviero", presente en gran parte de sus páginas». Así mesmo, no 2001 recibiu o Premio Cervantes, o máximo garlardón das letras españolas.