30 septiembre 2008

Santi Domínguez inaugura a Festa do Comercio no Progreso para dinamizar “o pulmón comercial” de Vigo


VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou hoxe unha nova edición da Festa do Comercio que nesta ocasión chega á zona centro da cidade. Ao longo de toda esta semana desenvolveranse na Praza do Progreso distintas actividades para os cativos, obradoiros e concursos cos que se persigue o obxectivo de dinamizar comercialmente, o que o nacionalista denominou como “pulmón comercial da cidade”.
Santi Domínguez explicou que a Festa do Comercio instálase agora no centro da cidade, tras pasar polo Calvario, Teis e As Travesas, “nun momento difícil pola crise e no que as administracións non podemos quedarnos paradas”. O tenente de alcalde salientou que “non podemos agardar a que a crise nos dobregue” e, pola contra, o que hai que facer é promover iniciativas que apoien aos comerciantes. A este respecto incidiu en que o pequeno e mediano comercio xera en Vigo 16.000 postos de traballo, ao tempo que favorece a cohesión social.
O tenente de alcalde engadiu que se quixo que a Festa do Comercio coincidira coa celebración do centenario do Progreso, que “é un emblema da zona”. Santi Domínguez adiantou que o mercado recibirá o vindeiro ano novas axudas para a mellora das súas instalacións, como este ano conseguíu para a remodelación do parking. Do mesmo xeito, sinalou que se vai a elaborar un plan de dinamización para que a Praza do Progreso sexa un verdadeiro lugar de encontro e de lecer para a veciñanza.
Pola súa banda o representante da Asociación de Comerciantes Zona Centro agradeceu a iniciativa posta en marcha pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio, así como o apoio que Santi Domínguez está a dar ao pequeño e mediano comercio da cidade.