PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O pasado mes de xullo a Concellería de Medio Ambiente Urbano, que xestiona Raimundo González Carballo iniciaba unha campaña de mellora de mobiliario público, centrada especialmente nos bancos e alcorques das parques e prazas cidade. A campaña chegou ao seu fin esta semana, co acondicionamento e colocación dos 50 bancos da praza de Barcelos, onde tamén se colocou unha fonte e dotouse de alumeado independente ao parque infantil de Barcelos.
Esta intervención global mellorou 130 bancos en A Ferrería, Barcelos e As Palmeiras e preto de 100 alcorques entre os da Ferrería, Juan Carlos I e o entorno da praza de Touros.
Como prometera o concelleiro de Medio Ambiente Urbano, os primeiros traballos de restauración foron na praza da Ferrería xa que para as Festas estaban pintados e recuperados os 20 bancos e refeitos os alcorques.
A continuación os traballos continuaron polas Palmeiras, coa mellora de máis de 60 bancos. Nesta actuación foi necesario retirar os bancos por zonas e volver a colocalos días despois. Nembargantes, algúns dos bancos xa recuperados tiveron que volver a ser pintados e tratados porque aos poucos días de colocalos xa estaban raiados ou pintados.
ALUMEADO PARA O PARQUE INFANTIL DE BARCELOS
A última zona de actuación, rematada estes días, foi a praza de Barcelos na que se melloraron os 50 bancos da praza, e tamén se instalou unha nova fonte, e se dotou de alumeado ao parque infantil. Os focos instalados no chan pretenden dar un maior uso no tempo a este parque durante o inverno porque logo se fai de noite. Era unha reclamación dos pais que día a día levan aí aos seus rapaces, e que se instalaron aproveitando os traballos de mellora da praza.
En canto aos alcorques de Juan Carlos I e do entorno da praza de Touros tamén se remataron neste verán. Nestes barrios fixéronse 60 alcorques para protexer á árbore e prolongar a súa vida. E aplicouse un sistema de grava lacada mediante resina que permite a permeabilidade e a aireación do solo facilitando a vida da árbore. Deste xeito tamén se contribue a mellorar a accesibilidade, e facilita moito a limpeza do contorno.
O obxectivo desta campaña é extendela a outros barrios da cidade, especialmente naqueles puntos onde o mobiliario urbano esté máis deteriorado.