23 septiembre 2008

Xa é hora de que o Goberno central deixe a Galiza ter un sistema ferroviario en condicións...




OURENSE/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, denunciou hoxe a “absoluta marxinación de Galiza” por parte de RENFE OPERADORA nos seus investimentos.
Pérez Bouza ofreceu esta mañá unha rolda de prensa en Ourense na que aportou cifras do propio Goberno Central publicadas recentemente no número 68 do Boletín do Senado “nas que se evidencia o que todos sospeitábamos: os investimentos de RENFE OPERADORA en Galiza na mellora dos servizos ferroviarios son totalmente insuficientes, non son proporcionais co noso peso demográfico nin coa nosa rede ferroviaria, e xa non digamos coas nosas necesidades, unha situación que contrasta con comunidades como Madrid que absorbe a maior parte das partidas”.

“Só o 0,55 % dos investimentos”
Para ilustrar esta situación “descaradamente centralista” o senador do BNG ofreceu os dados publicados polo propio Goberno sobre os investimentos por Comunidades Autónomas de RENFE OPERADORA dende o ano 2005 até o 22 de maio de 2008.
Así, do total de 190.907.286 euros, “Galiza só percibiu 1.087.114 €, o 0,55%, mentres que a Comunidade de Madrid concentrou o 56,29 por cento do total do investimento rexionalizábel, con 107.468.836 €”.
Unha situación que se repite se analisamos os investimentos de RENFE OPERADORA en protección civil e seguridade durante o mesmo período. Do total de 6,092 millóns destinados a este capítulo en todo o Estado, Galiza só percibiu 66.200 €, o 1,08% do total, mentres que Madrid de novo centralizou o 64,35% dos investimentos por CC.AA, con 3,92 millóns de euros.
Neste sentido, o senador do BNG presentou unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno información detallada sobre o investimento do Estado en Galiza en materia ferroviaria dende o ano 2000 até hoxe a través dos distintos organismos e ente públicos.
Asemade, pregúntalle ao Goberno se “non considera que o gasto rexionalizábel de RENFE OPERADORA é claramente discriminatorio con Galiza e centralízase en Madrid de forma inxustificada”.

“O Goberno non ten ningún argumento para negarlle a Galiza unha compañía de ferrocarrís propia”
Por outra parte, Xosé Manuel Pérez Bouza informou da presentación doutra iniciativa por parte do BNG na Cámara Alta pola que lle solicita ao Goberno que “dea resposta á demanda unánime do Parlamento Galego, e transfira a Galiza infraestruturas ferroviarias para crear un entre ferroviario galego”.
O senador nacionalista subliñou que “a lexítima aspiración da Xunta de Galiza é aproveitar o traspaso das liñas ferroviarias que na actualidade funcionan como cercanías para mellorar os servizos actuais, a todas luces insuficientes, contribuíndo así ao desconxestionamento das estradas e a un maior respeito ao medio ambiente”.
Neste sentido, Pérez Bouza pediulle ao Ministerio de Fomento que “non desmantele as vías na rede convencional, especialmente no Eixo Atlántico, cando entre en funcionamento o AVE, xa que estas serían esenciais para ofrecer servizo de cercanías”.
Por último, o senador do BNG advertiulle ao Goberno que “sería totalmente inxustificábel un posicionamento contrario á creación dun ente ferroviario galego, porque esa competencia está recollida no noso Estatuto de Autonomía, porque anteriormente xa se lle permitiu crealo a Andalucía, Cataluña ou o País Vasco, e porque a realidade demostra que só unha compañía xestionada polo Goberno galego dará satisfacción ás nosas necesidades”.
(Poden facer click nas imaxes e cadros para ver a maior tamaño)