23 septiembre 2008

BNG PEDE A DEFENSA QUE LEVANTE AS SANCIÓNS IMPOSTAS AO CABO GAGO POLOS TESTEMUÑOS SOBRE O ACCIDENTE DA FRAGATA EXTREMADURA

MADRID (MORRAZO-tribuna).- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pede ao Ministerio de Defensa que reflexione sobre o expediente sancionador imposto a testemuñas do accidente da Fragata Extremadura, en referencia ao cabo Gago, e que proceda ao levantamento das sancións impostas ao militar.
Neste sentido, o deputado do BNG reclama ao Ministerio que adopte “unha actitude máis colaboradora e menos entorpecedora no esclarecemento dos feitos que provocaron a morte de dous militares hai máis de tres anos”. Para Jorquera a decisión da Armada de abrir un expediente sancionador, coa aplicación da pena máxima de dous meses de cárcere, a unha das testemuñas “é ir moi lonxe”. “Cre que é xusto penalizar deste xeito a testigos do sinistro que poden aportar testemuños de grande relevancia para a investigación?”.
Defensa debe realizar a súa propia investigación do accidente
Outra das cuestións que o parlamentar nacionalista pón enriba da mesa é a relativa á investigación sobre o accidente da Fragata Extremadura ocurrido en decembro do ano 2005. Nesta liña, demanda a Defensa a realización dunha investigación propia sobre o sinistro. Así pregunta ao Ministerio se podería explicar que níveis de contaminación por cloro se detectaron nas horas previas á explosión da caldeira da Fragata, “baralla o Ministerio a posibilidade de que se producise un quentamento excesivo da caldeira?”, son algúns dos interrogantes que traslada a Defensa.
Sinala Jorquera que a pesar dos anos, “aínda existen unha serie de interrogantes sen resolver, entre eles, a causa da explosión da caldeira”. Pón de manifesto que “algunhas testemuñas sosteñen que nos momentos previos á explosión se detectaron níveis de contaminación por cloro moi superiores aos permitidos, e que, ademáis, se alertou desta circunstancias aos mandos militares. Precisamente, estas revelacións levaron á apertura dun expediente disciplinar”.