26 septiembre 2008

O PP de Mos pide a dimisión da alcaldesa e da concelleira de Servicios Sociais


MOS (MORRAZO-tribuna).- Os oito concelleiros do Partido Popular de Mos compareceron esta tarde en rolda de prensa para trasladar a súa repulsa "ante a agresión cometida onte por Antonio Barros, marido da concelleira socialista de Servizos Sociais, Isabel Lago, contra o ex edil do PSOE, Gerardo Alonso; e para esixir responsabilidades ó respecto".

Os populares culpabilizan á alcaldesa, María Jesús Escudero, da situación de tensión imperante agora no Concello xa que, tal e como declarou esta tarde Nidia Arévalo, voceira do PP, "non foi capaz de frear o ambiente de violencia que tivo coma caldo de cultivo varios meses con problemas internos no seu partido". Ademais a edil do Grupo Popular mosense criticou o feito de que Escudero leve todo o día dicindo que o de onte foi un mero incidente sen importancia, tendo en conta a gravidade que unha agresión física entraña. Por todo isto e ante a situación existente, os populares do municipio de Mos esixen a dimisión da concelleira de Servizos Sociais, Isabel Lago, e da propia alcaldesa, María Jesús Escudero. Sobor desta petición Arévalo declarou que "a alcaldesa debería de ter tomado xa as medidas pertinentes a este respecto, pero como ela non o fixo vémonos na obriga de pedir a súa dimisión e a da súa concelleira"; "non queremos seguir sendo compañeiros de Corporación seus", engadiu a presidenta dos populares mosenses.
Nidia Arévalo recomendoulle tamén a Escudero que "arregle a súa casa" (polo seu grupo) e lembroulle a súa "falla de liderazgo que ten provocado a descohesión dos membros do seu grupo que contrasta coa unidade imperante no PP de Mos, onde non hai trifulcas". Ademais calificou á alcaldesa coma "unha persoa sen sentido común que o único que quere é pasar páxina restándolle importancia ó grave altercado de onte insistindo en que se trata de algo sen importancia". "Agora estamos a ver as consecuencias de que non saiba controlar ó seu grupo", insistiu Arévalo.
Os concelleiros do Partido Popular de Mos manifestaron tamén estar cansos de que "pleno tras pleno nos insulten dende o público familiares da alcaldesa e militantes e exconcelleiros do Partido Socialista". Ademais consideran que "o PSOE de Mos non é máis que un grupo de amigos conformado pola alcaldesa, os concelleiros e as súas respectivas familias. Calificaron tamén a actitude de Escudero de "aferrada ó sillón" xa que "debería ter claro que ten que marcharse ante a gravidade do feito sucedido ónde, pero non o fai de 'motu propio' ".
Nidia Arévalo quixo deixar claro ademais que "as declaracións que está a facer Isabel Lago para excusar ó seu marido, tamén afiliado socialista, estaas sacando da manga e non son máis que patrañas".