26 septiembre 2008

A XUNTA CONSTITÚE OS SERVIZOS COMÚNS DE ATENCIÓN Á CIDADANÍA E ASISTENCIA Á VÍTIMA

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da súa Dirección Xeral de Xustiza, publicou esta mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo polo que se constitúen os servizos comúns de Atención á Cidadanía e Asistencia á Vítima, dependentes dos decanatos dos xulgados de Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo. Estas oficinas serán atendidas por persoal ao servizo da Administración de xustiza e iniciarán a súa actividade o vindeiro 31 de outubro de 2008.
O servizo, que actuará en coordinación coa Unidade de Atención á Cidadanía do Consello Xeral do Poder Xudicial e con dependencia funcional do xuíz decano e do secretario do decanato, asumirá a atención personalizada ao cidadán, a información xeral, tanto personal como telefónica, o tratamento de suxestións ou queixas, así como a asistencia ás vítimas dos delitos e das faltas.

Atención personalizada
A atención personalizada ao cidadán supón a recepción e a acollida dos cidadáns que acudan á sede xudicial para facilitarlles a orientación e a axuda que precisen, tanto se o fan por instancia do órgano ou servizo xudicial como se é por iniciativa propia. Ao tratarse dunha atención personalizada esta atoparase adaptada ás características sociais, culturais e psicolóxicas de cada un dos cidadáns que acudan aos xulgados solicitando atención ou información.
A atención personalizada implica a actividade de información xeral e esixe a colaboración do servizo para cubrir os formularios e as solicitudes que os interesados poidan realizar directamente sen necesidade de representación. Ademais, o servizo tamén asesorará e asistirá aos cidadáns respecto dos trámites e documentos precisos para reclamar as indemnizacións que lles correspondan percibir pola intervención en procesos xudiciais como testemuñas ou peritos.

Información xeral

A información xeral comprende a identificación, localización e competencia de calquera órgano ou servizo da Administración de xustiza, e especialmente os situados na mesma sede, así como corresponder ás demandas concretas de información sobre competencias dos órganos, procedementos, trámites, requisitos e documentación para as actuacións que o cidadán se propoña realizar.