23 septiembre 2008

A FAVEC denuncia a grave situación das obras do AVE cara a Pontevedra e Vigo


VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Federación de Asociacións de Veciños de Vigo falou esta tarde alto e claro, berrando un basta xa! bastante elocuente ante a situación que se vive -e se pronostica- no caso do tren de alta velocidade.
O AVE que conectará Galicia co resto de España segue sin ser considerada polo goberno como prioritaria e queda de novo fóra dos investimentos da Unión Europea, proclama a FAVEC de entrada.
A Federación Veciñal lamenta a falta de investimento da Unión Europea nos tramos de Zamora – Lubián – Ourense que conectarán Galicia co resto de España a través da alta velocidade. O máis grave é que este novo contratempo é o resultado da desidia e desinterese do goberno, ao considerar a conexión de Galicia coa península como non prioritaria.
"Queremos saber que entende o Goberno por prioritario e por que os nosos representantes autonómicos permanecen de brazos cruzados mentres si se priorizan outras moitos tramos con investimentos millonarios, incluso entre provincias dentro da mesma comunidade como o caso do enlace de Antequera con Granada. Tamén agardamos explicacións sobre o feito de que esta situación sexa recurrente xa que no período 2000-2006 esta conexión tampouco foi considerada prioritaria ante Europa e non conseguiu os orzamentos dos Fondos de Cohesión", denuncia a FAVEC, organismo que tamén refere :
"Quizáis é hora de que o presidente da Xunta explique por que non se aproba a comisión parlamentaria de seguimento do AVE; por que se nega este órgano de presión representativo en Madrid e se sustitúe por simples conversas entre Touriño e Magdalena Álvarez que de pouco serven á vista dos primeiros resultados.
Tampouco o tramo Vigo-Ourense recibe financiamento dos Fondos de Cohesión Europeos mentres si se prioriza a conexión de Santiago con Ourense. Este novo indicador fainos ser pesimistas sobre o cumprimento da promesa de que Vigo estará conectado con Ourense e co restro de España por liñas de alta velocidade. Agardamos que nos próximos orzamentos do goberno central se compense esta desfeita cos investimentos precisos para que Vigo teña a conexión anunciada con Ourense e non o rodeo por Santiago",
conclue a Federación Eduardo Chao.
Nos vindeiros días a Federación Veciñal dirixirá respectivos escritos ao Presidente da Xunta e á Ministra de Fomento para pedir explicacións de por que a conexión de Galicia coa península e Vigo - Orense quedan excluídas do financiamento dos Fondos de Cohesión europeos e cal é a causa de que estes tramos sigan sin ser considerados prioritarios.