30 septiembre 2008

ÚLTIMOS TRABALLOS DE URBANIZACIÓN DA ESTRADA DE O GROVE-SAN VICENTE


O GROVE (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, supervisou hoxe a marcha dos traballos que está executando a institución na estrada provincial de O Grove San Vicente xunto co director de infraestruturas, Agustín Hernández, técnicos provinciais, encargados de obra e veciños.
Louzán destacou que a mellora do vial interior de San Vicente, que está financiada ó 100% pola Deputación, é a que maior importancia orzamentaria ten das que está a executar o organismo en estradas provinciais. “O orzamento desta obra elevouse a máis de catro millóns de euros entre os traballos propiamente ditos e as expropiacións”, afirmou o presidente “o que supón un tercio do investimento total que a Deputación destina anualmente á mellora e conservación das estradas provinciais”.
Durante o verán acometéronse traballos de enlousado das beirarrúas e para non entorpecer a circulación durante a época estival o asfaltado da vía retrasouse para mediados do mes de setembro. Segundo explicou o titular do organismo provincial, “os prazos de remate das obras son sempre difíciles de axustar pero esta actuación quedará definitivamente acabada en pouco tempo”.
Rede viaria clave
En todo caso, Rafael Louzán puntualizou que a maior parte dos retrasos que se produxeron nestas obras deriváronse da inclusión de melloras non previstas no proxecto inicial pero que foron asumidas pola institución co obxecto de acadar as mellores condicións tanto para os veciños como para os numerosos vehículos que circulan pola mesma. “Dende a Deputación tivemos moi en conta que esta estrada “é un elemento clave na rede viaria municipal pois completa a circulación perimetral á península do Grove e serve de acceso á súa zona norte”.
As obras de ancheamento e urbanización estanse a executar nun traxecto de 7.460 metros ó longo dos cales se construíron dúas calzadas de 3,50 metros cada unha, arcéns de un metro e beirarrúas de dous, ata acadar un ancho total de plataforma que vai dende os 9 metros nalgún punto ata os 12 na maioría e ós 15 nos lugares onde se construíron dúas franxas de aparcamento. A estrada está dotada de cunetas, colector de recollida de pluviais, e a substitución da totalidade das obras de drenaxe existentes.
Sobre este respecto, o presidente redundou na idea de que a Deputación non só executou nesta estrada obras da súa competencia como poden ser o asfaltado e o ancheo, senón que ademais, acometemos traballos que lle corresponderían ó Concello como son as canalizacións.....
Eliminación de curvas perigosas
O vial existente antes da actuación da Deputación resultaba insuficiente para cumprir as súas funcións, xa que o ancho medio pavimentado era de cinco metros, con zonas onde nin sequera se acadaban os 4 metros”. A actuación da Deputación permitiu ademais eliminar curvas moi perigosas.
Sobre este respecto, Rafael Louzán, agradeceu publicamente a colaboración dos veciños e destacou que, unha vez rematada, “disporemos dunha carretera pensada para as persoas, con beirarrúas, marquesiñas e perfectamente sinalizada de xeito que se poda percorrer con total seguridade.