23 septiembre 2008

DEPUTACIÓN E CEP DESENVOLVERÁN MISIÓNS EMPRESARIAIS E UN FORO SOBRE ARTICULACIÓN PORTUARIA DAS PLATAFORMAS LOXÍSTICAS


VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente provincial, Rafael Louzán, acudiu esta mañá á sede da Deputación de Pontevedra en Vigo para asinar, xunto co presidente de Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, o convenio de colaboración que vinculará ás dúas institucións no desenvolvemento de misións empresariais e un forum sobre plataformas loxísticas e a súa articulación cos portos.
O convenio asinado hoxe, que ascende á cifra de 36.000 euros, posibilitará que se leve a cabo un foro que reunirá a entidades, empresas e representantes de organizacións empresariais de distintos lugares e países, especialmente de Asturias, Cantabria, País Vasco, Galicia e Portugal.
Con este evento, preténdese analizar a adecuación das infraestruturas actuais ó desenvolvemento intermodal; os transportes aéreos, ferroviarios, terrestres: as súas complementariedades; a importancia da loxística no desenvolvemento económico e na competitivade das empresas.
Trataranse, ademais, aspectos como a xestión e coordinación loxísticas, o papel das novas tecnoloxías no transporte intermodal, a formación de plataformas loxísticas ou o financiamento europeo para desenvolvemento de proxectos. Dentro desta análise, farase unha profunda reflexión sobre o transporte terrestre e as autopistas do mar, así coma as posibilidades actuais dos tres portos do Estado: Vigo, Marín e Vilagarcía.
O forum terá como soporte documental datos estatísticos obxectivos e se empregará como metodoloxía para o seu desenvolvemento unha serie de conferencias e mesas redondas que permitan obter unha serie de conclusións e propostas de actuación que se recollerán nunha publicación.
Misións empresariais
Por outra banda, en abril visitou Pontevedra unha delegación empresarial e institucional do Uruguai encabezada polo seu Ministro de Transportes e Obras Públicas, Víctor Rossi. Nesta xuntanza acordouse que as empresas galegas Friallo, Fandicosta e Frigoríficos do Morrazo participarían no proxecto dunha nova terminal de pesca do porto de Montevideo, que acolle o 60% das mercadorías da rexión do Cono Sur.
A partir dese encontro, tiveron lugar unha serie de xuntanzas de negocios que resultaron frutíferas e operativas en canto á posibilidade do establecemento de relacións comerciais.
A Deputación e a CEP están interesadas en coorganizar a citada misión, coa posibilidade de ampliala tamén a algún outro país limítrofe, e a que se lle dará, así mesmo, a dobre vertente de institucional e empresarial, con programas lixeiramente diferenciados. O organismo provincial, ademais de implicarse na organización da misión, comprométese a subvencionar unha parte dos custes da viaxe e traslados ás empresas e empresarios participantes na misión.
Para levala a cabo constitúe unha Comisión de Seguimento formada por dous responsables da CEP e dous da Deputación, que se reunirán unha vez ó mes e sempre que o solicite algunha das partes, consensuando datas, programas e visitas.