01 octubre 2008

Adega e Adenco
organizan unha limpeza no Río Tea

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- Os colectivos ambientalistas Adega e Adenco celebrarán o próximo sábado unha xornada de limpeza no Río Tea en Ponteareas. Esta partirá ás 16:30h da Ponte de San Roque, en Ponteareas.
O treito a limpar discurrirá entre a Ponte de San Roque e a zona da Moscadeira, unha zona moi frecuentada pola xente da Vila e que se atopa nun lamentable estado de conservación. Seguindo un protocolo de limpeza, actuarase sobre o lixo que se atope nas beiras e no propio cauce, no que se poden encontrar, a día de hoxe, rodas de vehículos varios, sinais de tráfico, plásticos, cristais, restos de madeira, ...Posteriormente, o lixo recollido será debidamente clasificado e trasladado ao punto limpo de Ponteareas.
A actividade encádrase nunha xornada de limpeza simultánea dos ríos galegos, que se organiza en 22 concellos galegos. En Ponteareas a actividade está coordinada por Anxo F. Saborido, Presidente de Adenco, e escolleuse o Río Tea, e o treito entre San Roque e A Moscadeira por ser un sitio de interese para a Comarca, próximo á Vila de Ponteareas e que progresivamente está deteriorándose, ante a pasividade das institucións competentes.
Para participar na actividade e estar cuberto co seguro de accidentes é preciso apuntarse previamente no teléfono 666.893.879, aínda que no propio día tamén se pode asistir á limpeza.