01 octubre 2008

Campaña de fomento
da lingua e da lectura na Guarda

A GUARDA (MORRAZO-tribuna) .- O día 17 de outubro no salón de actos do Centro Cultural da Guarda terá lugar unha función de teatro pertencente á campaña de fomento da lingua galega e da lectura no ámbito familiar Flis-fli-ris-flás Teatro, literatura e novas tecnoloxías nun ambicioso proxecto da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Editorial Galaxia e a Concellería de Educación do Concello da Guarda.
Os nenos e nenas de primeiro e segundo curso de educación primaria do Concello da Guarda quedan convidados a acudir, o próximo 17 de outubro ás 11 da maña, ao Centro Cultural. Representaráse unha obra de teatro a cargo da compañía Matapiollos, dirixida por Jorge Coira, que conta a historia de Martiño, un cativo conmedo á escuridade. Grazas ao poder dos contos e das boas historias, conseguirá superar o seu medo ao mesmo tempo que vive unha aventura nofondo do mar.
Os nenos e nenas asistentes recibirán como agasallo o libro coa historia de Martiño, da autoría de Araceli Gonda, que contén un mollo de recursos lúdicos para traballar nas casas arredor da lingua e da lectura, obra do asesor pedagóxico Francisco C. Díaz Rei, e un CD-Rom, con guión de José Luis Orge e Francisco Castro, cunha aventura na que o propio neno protagonista da obra terá que ir superando unha serie de probas para culminala con éxito. Todo o material que se lle dará aos asistentes está ilustrado polo debuxante Xosé Tomás.