03 octubre 2008

Avanza a escola de Gaitas e Percusión

LALIN (MORRAZO-tribuna) .- O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, presentou hoxe no auditorio de Lalín a Escola de Gaitas e Percusión que a institución provincial promove a través das súas cinco sedes en Vigo, Pontevedra, Cangas, Lalín e Vilanova.
O acto serviu para presentar ós alumnos e ós mestres, explicar o funcionamento das aulas, comprobar as listas e distribuír os horarios e culminou cunha breve intervención musical do equipo docente.
Os alumnos da Escola Provincial que dirixe Hipólito Cabezas poderán iniciarse, a partir dos seis anos, no aprendizaxe ou perfeccionamento da técnica de instrumentos tradicionais galegos como a gaita, o tambor, a zanfona ou a pandeireta.
A Escola de Gaitas e Percusión da Provincia de Pontevedra é subvencionada pola Deputación de Pontevedra e nela se imparten clases de gaita, percusión, zanfona e pandeireta. Este centro, que comezou a súa andadura no 2005, ten cinco sedes repartidas por toda a provincia de Pontevedra: Vilanova, Lalín, Cangas, Pontevedra, e a Escola Principal en Vigo, onde se imparten as distintas clases (gaita, percusión e pandeireta). Ademais, dende o ano pasado, na escola central de Vigo impártense clases de zanfona para nenos maiores de oito anos.
Tanto as clases como a matrícula serán totalmente gratuítas, non obstante, nas clases de percusión (redobrante ou pandeireta) so poderán participar nenos de seis anos en diante e nas de gaita, rapaces de a partires de oito anos. Os adultos que desexen inscribirse non dispoñen de límite de idade para participar.