16 octubre 2008

Bueu abriu o ciclo
de charlas médico-sanitarias

BUEU (MORRAZO-tribuna) .- O Centro Social do Mar de Bueu acolleu onte ás 19.30 horas unha charla médica sobre “automedicación responsable” a cargo da doutora María Victoria Martín Miguel. Esta iniciativa estaba promovida e financiada pola Deputación Provincial de Pontevedra que asinou un convenio de colaboración co Colexio Oficial Médico de Pontevedra para organizar arredor de 30 charlas médico-sanitarias en diferentes municipios da provincia co obxecto de aumentar a información da poboación en temas cotiáns de interese sobre saúde.
O Servizo de Inspección Médica da Deputación remitiulles a todos os concellos da provincia unha carta para darlles conta do programa e para que fixeran as correspondentes solicitudes para participar. Adxunta a esta notificación, a entidade provincial remitiu un listado de posibles temas a tratar que escolleron os propios concellos en función das inquedanzas da poboación.
Temas a tratar
Non obstante, no caso de que lles interesase un tema non contemplado no programa tamén tiveron a opción de solicitalo. Os temas propostos polas institucións promotoras da iniciativa son: Saúde alimentaria; primeiros auxilios; riscos no fogar; prevención de patoloxía cardiovascular; promoción de saúde e actividade física; a saúde no futuro; Menopausa; Reproducción; Alzheimer; coidados paliativos; saúde mental; diabetes; doazón de órganos; automedicación responsable; saúde e nutrición; transtornos alimentarios. Anorexia.Bulimia; virus Papiloma Humano; Sida; e drogas de abuso.
O titular do organismo provincial, Rafael Louzán, foi o impulsor desta iniciativa que se levará a cabo por primeira vez despois de asinar un convenio de colaboración co presidente do Colexio Médico, Luis Campos Villarino.
O acordo asinado está dotado con 12.000 euros dos cales 6.000 servirán para levar a diante o programa de charlas e os restantes 6.000 para un estudo sobre o peso en termos económicos que supón a práctica da menciña privada na provincia.