02 noviembre 2008

BNG PERGUNTA NO PARLAMENTO POLA INCIDENCIA DA NOVA TARIFA SOCIAL ELÉCTRICA NO NOSO PAÍS

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz de Industria e Enerxía do grupo parlamentar do BNG, Fernando Blanco Parga, vén de rexistrar unha pergunta para a súa resposta oral en Comisión na que se interesa pola incidencia da nova tarifa social eléctrica no noso país.
O parlamentar do BNG lembra na exposición de motivos da iniciativa que en xuño deste ano, o goberno do Estado publicaba a orde que revisaba as tarifas eléctricas e pola que desapareceu a coñecida como tarifa nocturna.
O deputado nacionalista apunta que esta decisión tivo unha enorme incidencia no noso país xa que moitos usuarios e usuarias se tiñan acollido a esta tarifa e puntualiza, asemade, que a orde ministerial recollía “un importante incremento das tarifas eléctricas en xeral”.
Como medida compensatoria ante esta decisión, o goberno creou a denominada tarifa Social, estipulada para “subministro eléctrico en baixa tensión, para vivendas habituais e cunha potencia inferior a 3 kw”.
Transcorridos catro meses desde a creación desta nova tarifa, “tan defendida polo goberno do Estado”, o BNG quer que a Consellaría de Innovación e Industria explique en sede parlamentar cantos clientes se acolleron en Galiza a esta nova tarifa e se tivo algunha repercusión positiva nos consumidores/as galegos/as.