02 noviembre 2008

CAMPAÑA EN INSTITUTOS E CONCELLOS PARA INFORMAR SOBRE PROGRAMAS EUROPEOS PARA OS MOZOS E MOZAS

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Con motivo da Semana Europea da Xuventude, que ten lugar entre os días 2 e 9 de novembro, a Dirección Xeral de Xuventude vai levar a cabo en institutos e concellos de Galiza unha campaña de divulgación e información sobre os programas europeos para a xuventude, e especificamente, sobre o programa Xuventude en Acción.
A campaña divulgativa consistirá na posta en marcha dun autobús-escola, que percorrerá diferentes centros e concellos. O bus estará decorado con motivos alusivos ao programa Xuventude en Acción, e preparado con vídeo, plotters explicativos, folletos informativos e máis coa presenza de técnicos para achegar este programa á mocidade.
O autobús-escola realizará visitas a institutos polas mañás. Estará dentro dos institutos para que sexa visitado polo alumnado que o desexe e organizarase unha xornada de información sobre o programa Xuventude en Acción, co paneis de experiencias das principais accións, para o alumnado de primeiro e segundo de bacharelato. Disporase ademais dun panel de experiencia de mozos e mozas que xa participaron nalgún intercambio, iniciativa xuvenil ou servizo de voluntariado europeo.
Polas tardes, o autobús trasladarase ata algún concello, onde, a través de anuncios e das oficinas de información xuvenil, os mozos e mozas do concello e da zona, interesados no programa, poderán informarse dentro do propio autobús e da carpa instalada a carón e condicionados para iso.