MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Iago Tabarés, ven de advertir sobre as dificultades que seguen atopando os pensionistas retornados de Suiza para a cobertura da asistencia sanitaria e farmacolóxica e pregunta que actuacións ten previsto realizar a Xunta perante o goberno do Estado para correxir esta situación.
Iago Tabarés rexistrou unha iniciativa parlamentar na que lembra que, malia representar o maior número de persoas emigradas que retornan a Galiza e coincidir, na meirande parte dos casos, co fin da súa vida laboral -ben por cumprimento da idade de xubilación, ben por non poder traballar por problemas de saúde-, son as que atopan máis dificultades para a cobertura das súas necesidades básicas, nomeadamente para a atención sanitaria e farmacolóxica.
E isto é así, recorda o deputado, porque estas persoas retornadas non teñen acceso á tarxeta sanitaria gratuita –salvo se ven recortada a súa pensión nunha porcentaxe moi elevada- se a contía da prestación económica recoñecida en Suiza excede o I.P.R.E.M (516,90 euros/mes).
Segundo explica o parlamentar, para poder dispor de asistencia, estas persoas terían que asinar un Convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e aboar unha cantidade mensual que para o ano 2008 está establecida nos 87,34 euros para a asistencia médico-farmacéutica por enfermidade común, maternidade ou accidente non laboral e de 4,67 no caso de accidente laboral ou enfermidade profesional.
“A esta inxusta realidade –afirma Tabarés-, que afecta a milleiros de emigrantes retornados, foron alleos os anteriores gobernos tanto do Estado como da Xunta mais o actual goberno ten manifestado en reiteradas ocasións a súa vontade de rematar con tal distinción”, de aí a iniciativa presentada, para coñecer os pasos que se teñen dado ou que está previsto dar. O deputado nacionalista recoñece que, como demostran os últimos dados publicados, dende o ano 2002 estase a producir un continuo e paulatino descenso do número de emigrantes que, dende outros Estados, deciden retornar. Así, das máis de 10.050 persoas que regresaron no 2002 se pasou ás 6.362 de 2006, tendencia que tamén tivo continuidade no 2007. Máis tal descenso, matiza, é consecuencia da reducción dos retornos procedentes de América, pero non acontece o mesmo cos retornos procedentes de países europeos, onde se produce unha evolución á inversa, e se por exemplo no 2002 retornaron de Suiza 2107 persoas, no 2006 o fixeron 2363, ou 321 de Francia no 2002 e 366 no 2006
“Así as cousa resulta que a día de hoxe Suiza é con moita diferenza o estado dende o que máis persoas retornan a Galiza e paradoxalmente son as que atopan máis dificultades para a cobertura das súas necesidades”, conclúe o parlamentar.