02 noviembre 2008

FOMENTAN A CREACIÓN DE CLUBS DE LECTURA EN CENTROS DE ENSINO SECUNDARIO, FP E RÉXIME ESPECIAL

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros escolares, axudas para apoiar a creación de clubs de lectura en centros educativos que acollan alumnado de ensino secundario, bacharelato, Formación Profesional ou ensinanzas de réxime especial. Así, a Administración educativa autonómica destinará un total de 110.000 euros para a posta en marcha desta actividade en centros de ensino galegos que impartan estas ensinanzas.
O desenvolvemento dun club de lectura nun centro educativo consiste en promover a participación dun grupo de alumnos e alumnas para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso. O espazo natural para o club de lectura é a biblioteca escolar, e os tempos axeitados para a súa celebración dependen das posibilidades de cada grupo (recreos ou tempos non lectivos), resultando imprescindible a implicación persoal do profesorado dadas as especiais características desta actividade.
Ademais, o número de integrantes de cada club de lectura non debe ser excesivo, oscilando entre os cinco e os quince; e a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación e algunhas das chamadas ferramentas da web 2.0 (blogs ou foros) poden enriquecer a actividade, contribuír á lectura en diversos soportes e facilitar a difusión das súas propostas entre a comunidade educativa.
A finalidade do club de lectura, que funcionará ao longo de todo o curso 2008/09, será a de fomentar a lectura entre os participantes e contribuír á creación dun ambiente lector no centro. Unha das fórmulas de maior interese para o fomento do hábito da lectura é a posta en marcha dun club de lectura porque inclúe varias das condicións necesarias para motivar aos lectores e lectoras adolescentes, como son a posibilidade de comunicación cos seus iguais e a oportunidade de compartir gustos, inquedanzas e opinións sobre as súas lecturas. Así, esta práctica de socialización e creación de comunidades de intereses ao redor dos libros e da lectura está avalada por resultados moi positivos na creación de ambientes lectores nos centros, coa participación nalgúns casos de pais, nais e outros membros da comunidade escolar.