04 noviembre 2008

DAVILA DEMÁNDALLE AO GOBERNO QUE ESTABLEZA MEDIDAS DE DISCRIMINACIÓN POSITIVA PARA AS EMPRESAS COMPROMETIDAS COA RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- A deputada do BNG advirte que “mentres que as empresas galegas do granito son valoradas en Europa pola súa responsabilidade social, no Estado español estes valores non se teñen en conta”. A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha proposición non de lei na Cámara Baixa pola que insta ao Goberno a que “estableza medidas de discriminación positiva que permitan á Administración pública incorporar criterios medioambientais nas cláusulas de concursos de obras públicas”.
Ademais, a iniciativa do BNG insta ao Goberno a “ter en conta as recomendacións que, dirixidas ás Administracións públicas, se recollen no Libro Verde da Unión Europea e no Informe aprobado no Congreso para promover a responsabilidade social das empresas”.
En concreto, a deputada do BNG lembra que no documento aprobado no Congreso, e en concreto no seu punto 20, considérase necesario que as administracións públicas comprométanse no pulo do investimento socialmente responsábel. Ademais, na recomendación número 24 do mesmo documento especifícase claramente que “a compra e a contratación pública deben ser claras ferramentas para o pulo da RSE, enviando sinais ao mercado de que serán recoñecidas e premiadas as empresas que brindan á sociedade un valor adicional en materia medioambiental e/ou social”.
O granito: un exemplo no que o Goberno prima o custo económico sobre a responsabilidade social
Olaia Fernández Davila pon como exemplo do incumprimento por parte do Goberno español desta normativa ao sector do granito.
Neste sentido, a deputada nacionalista salienta que “dende a Asociación Galega de Graniteiros deféndese como medidas para paliar a crise que o sector padece que se teña en conta, cando menos dende as administracións públicas, o esforzo que estas empresas fan ao incluír na súa xestión ferramentas como as que se recollen nas recomendacións do Libro Verde da Unión Europea e no informe aprobado no Congreso dos Deputados”.
Non é de recibo que as administracións públicas abeiren a competencia desleal
Porén, a deputada do BNG critica que “mentres noutros estados da Unión Europea, recoñécese ás empresas españolas, caso do granito, o seu compromiso coa responsabilidade social á hora de decidir as súas contratacións públicas, no Estado Español estes valores non se teñen en conta e pretéxtase que hai que respeitar as normas internacionais da Organización Mundial do Comercio”.
Davila considera que non é de recibo que as administracións públicas amparen “a competencia desleal derivada da introdución no mercado de produtos a moi baixo prezo grazas a incumprimentos das normas mínimas de sustentabilidade medioambiental e explotación laboral”.