22 noviembre 2008

MEDIO RURAL PRESENTA NA SEMANA VERDE A NOVA MARCA DE CALIDADE PARA A CARNE DE VACÚN

SILLEDA/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Feira Internacional Semana Verde de Galicia acolleu hoxe o nacemento de VAC.1, a nova marca de calidade para a carne de vacún que viña solicitando dende hai tempo o sector e que se materializou, tras a súa aprobación por parte da Mesa da Carne de Galiza, logo dun ano de traballo intenso por parte de todos os axentes implicados: produtores, industrias, centros de investigación e administración. A Consellaría do Medio Rural presentou, xunto co Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) e coa Asociación Galega da Carne (Asogacarne), este novo lábel que vén complementar a oferta actual -encarnada principalmente pola IXP Ternera Gallega- e que certificará a calidade da carne de vacún que se cría, se sacrifica e se comercializa en Galiza. “Sustentabilidade, innovación, certificación, actualidade e autenticidade” son os valores que defende esta nova marca, en palabras do conselleiro Alfredo Suárez Canal e dos asistentes ao acto. Unha presentación que contou tamén cos cociñeiros de sona internacional, Martín Berasategui e Flavio Morganti, que avalaron o novo selo cociñando para o sector un menú baseado na carne de VAC.1.
Tal e como argumentou Suárez Canal, “en Galiza existen actualmente máis de 335.600 vacas dedicadas á produción de leite e preto doutras 350.000 de carne, das cales, cada ano, se desbotan arredor de 97.000 produtoras de leite e 35.000 de carne, ao chegar ao final do seu ciclo produtivo”. Segundo se pon de manifesto nas investigacións realizadas polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e polo Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), “alomenos o 50 por cento destas vacas poden ser cebadas mediante un proceso selectivo de millo e doutras forraxes con alto contido enerxético, e acabar así xerando importantes beneficios para os titulares das explotacións”, indicou. Ademais, segundo os mesmos estudos, “con só aumentar en 30 quilos o peso da canal, a produción de carne en Galiza incrementaríase nunhas 1.500 toneladas/ano polo que, mellorando a súa calidade e conformación, conséguese pór en valor a carne de gando frisón, traballando a prol da competitividade dos produtos do País e contribuíndo a diversificar a actividade nas explotacións leiteiras, nun momento no que este sector atravesa dificultades conxunturais”, subliñou. A esta produción existente, hai que engadirlle ademais outra emerxente, formada polos becerros machos procedentes dos rabaños leiteiros, que actualmente son cebados fóra de Galiza, arredor de 90.000 ao ano. Neste sentido, o conselleiro referiuse á situación anacrónica que se vivía no sector lácteo galego “coa curiosa viaxe de ida e volta que realizaban estes xatos, nados en Galiza, vendidos a cebadeiros de fóra para a súa cría e alimentación, e sacrificados de volta en Galiza”. Suárez Canal amosouse convencido de que a marca VAC1 vai permitir apostar pola recría de xatos no noso País, permitindo que o valor engadido da súa produción cárnica permaneza en Galiza. “Para iso, -indicou- contamos con varios proxectos de creación de centros de recría por parte de cooperativas e sociedades de transformación agraria que van nesta liña e que serán apoiados pola administración galega”.
Nun escenario realista, o conselleiro estima que, “nun prazo de catro anos, se poidan acoller a esta marca 30.000 vacas (que xerarán arredor de 11.250 toneladas de carne) e 75.000 xatos (cunha produción tamén de 16.500 toneladas/ano)”, o que suporía, segundo datos actuais, acadar nun ano os 86,6 millóns de euros de valor en primeira venda. Neste sentido, referiuse ao feito de que a dieta baseada en forraxes, que esixe e garante o selo VAC.1, mellora considerablemente a alimentación dos animais, ao tempo que contribúe a mobilizar superficie agraria útil e a conservar o medio natural, favorecendo o equilibrio e a protección ambiental.