22 noviembre 2008

TOURIÑO COMPROMETE O APOIO DA XUNTA Á INDUSTRIA NAVAL E DESTACA QUE SE TRATA DUN “SECTOR ESTRATÉXICO E CHAVE”

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeu en Vigo o apoio do Goberno que preside ao sector naval galego para “encarar os novos desafíos e conservar a posición de privilexio” que esta industria acadou nos últimos anos. O máximo mandatario galego cualificou o naval de “sector estratéxico e chave para a economía produtiva do noso país” no acto de entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia a José Francisco González Viñas, presidente do estaleiro Hijos de J. Barreras.
O titular da Xunta salientou que, entre todos os sectores do tecido industrial galego, o naval é o primeiro en crecemento dos ingresos de explotación e do valor engadido bruto, “nos dous casos a dobre díxito ano tras ano”. Pérez Touriño destacou, ademais, a apertura ao exterior deste sector e remarcou que o 90% das empresas galegas que se dedican á construción e á reparación de buques teñen presenza nos mercados internacionais.
“Galicia é a gran factoría naval da Unión Europea. Por tradición, por especialización da man de obra, por tecnoloxía, pero tamén por diversificación. Na ría de Vigo emerxe o mellor exemplo de adaptación aos novos tempos, de capacidade de resposta e de iniciativas para despuntar na carreira pola competitividade”, destacou Touriño quen remarcou que este resultado se mide hoxe nunha carteira de pedidos que, só na ría de Vigo, está no contorno dos 3.000 millóns de euros, e que asegura un mínimo de catro anos de carga de traballo.
“A ría de Vigo fai posible que Galicia exhiba o liderado en capacidade produtiva entre todas as rexións europeas, por diante dos maiores centros fabrís de Holanda e Alemaña, os dous únicos países que están por diante de España en produción”, engadiu Pérez Touriño.