05 noviembre 2008

O BNG PRESENTA UNHA INICIATIVA NO CONGRESO PARA QUE O GOBERNO EXTREME O CONTROL DAS IMPORTACIÓNS DE LEITE


COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- Davila subliña que “se o Goberno interveu para salvar á banca, tamén debe intervir para garantir o futuro dun sector vital para a alimentación humana como é o leiteiro”. A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, xunto coa responsábel da Comisión de Agricultura do BNG, Tereixa Paz, presentou esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela unha Proposición non de Lei pola que se lle demanda ao Goberno que extreme o control das importacións de produtos lácteos e estableza mecanismos para garantir uns prezos dignos para os gandeiros.
Davila salientou “o grande esforzo que se está a facer dende a Consellaría do Medio Rural para garantir uns prezos dignos para os nosos gandeiros”, pero subliñou que “hai medidas que son competencia do Estado e da Unión Europea e que non só é posíbel que se adopten, senón que é necesario e urxente”.
Controlar a importación de produtos lácteos
Así, a deputada do BNG denunciou que as crecentes importacións de produtos lácteos “como un factor que incide directamente na baixa do prezo do leite en orixe”. Davila lembrou que esta situación “débese a un reparto inxusto da cota na UE, que se reforzou co último incremento lineal do 2%, e que resulta prexudicial para o Estado español e para os gandeiros galegos”.
Neste sentido, a iniciativa do BNG insta ao Goberno a “extremar os mecanismos de control sobre as importacións de produtos lácteos para evitar que se poidan producir distorsións nos prezos, pola posíbel introdución de prácticas non plenamente axustadas á legalidade mercantil vixente”.
Incremento da cota para os estados máis deficitarios
Na mesma dirección, a iniciativa do BNG demándalle ao Goberno que “manteña unha posición contraria a acordos de incrementos lineais anuais sucesivos de cota láctea para todos os estados, xa que isto produce unha clara distorsión do mercado ao aumentar en maior volume a dos estados xa actualmente excedentarios”. Por iso, demanda tamén que “no caso de acordarse un aumento da produción, esta debe ser destinado aos estados deficitarios de cota”, como o Estado español.
“Se o Goberno interveu para salvar á banca, tamén debe intervir para axudar ao sector leiteiro”
Ademais, a deputada do BNG considerou “imprescindíbel e necesario” que se controlen as marxes comerciais e que se garantan uns prezos en orixe para os gandeiros.
A este respeito, Davila subliñou que “se o Goberno do Estado entende que ten que intervir para que a banca non se desplome, tamén ten que intervir para que non se desplome un sector vital para a alimentación das persoas e para a economía de Galiza como é o leiteiro”.
Deste xeito, a iniciativa do BNG insta, por unha parte, ao Goberno a “arbitrar mecanismos de intervención conxunturais que eviten o desplome dos prezos pagados en orixe aos gandeiros, co obxectivo de impedir o abandono de moitas explotacións gandeiras”.
Por outra parte, a proposición non de lei insta ao Executivo central a “defender no ámbito da UE, e impulsar no que sexa de propia competencia do Estado, a modificación das normativas de configuración de prezos das materias primas alimentares de primeira necesidade para que sexan reguladas as súas marxes comerciais e que se configure un prezo dende o produtor ao consumidor, co obxectivo de darlle unha maior transparencia ao mercado, evitar movementos especulativos e artellar mecanismos que poidan garantirlles rendas dignas aos produtores e ofrecerlles aos consumidores unha maior e mellor información”.