23 noviembre 2008

O PLAN DIRECTOR DO CERCO APOSTA POLA CREACIÓN DE COOPERATIVAS CO OBXECTIVO DE REDUCIR CUSTOS

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O Plan Director do Cerco, no que están traballando a Consellería de Pesca e os representantes desta actividade, aposta pola creación de cooperativas ou organizacións empresariais neste segmento de frota co obxectivo de reducir custos. Esta é unha das conclusións acadadas polos grupos de traballo que se veñen reunindo dende o pasado mes de xuño no marco do Plan Director, unha iniciativa coa que se quere asegurar a viabilidade deste sector nos vindeiros anos. De feito, o documento recolle unha análise externa e interna da actividade e formula unha serie de medidas a executar ata o ano 2013 (coincidindo coa vixencia do Fondo Europeo de Pesca) centradas na adaptación do esforzo pesqueiro, a formación e a comercialización.
Un das figuras máis destacadas no mundo do cooperativismo é o fundador do Grupo Mondragón, Antonio Cancelo, quen participou, xunto coa Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, e o director xeral de Estruras e Mercados da Pesca, José Manuel López, nun encontro con representantes do cerco e dos sindicatos para expoñer a súa experiencia neste eido. Nesta reunión, a responsable da Administración pesqueira galega manifestou o seu desexo de que este segmento de actividade aposte por esta medida, xa que entre as súas vantaxes atópanse a participación na xestión e nos beneficios obtidos, así como a existencia de fondos comunitarios para a súa posta en marcha.
Segundo as conclusións do Plan Director, un dos principais problemas da frota de cerco é a falla de unión entre os seus integrantes o que conleva, entre outros aspectos, a existencia dun elevado número de empresas pequenas, individualismo e baixos valores do peixe. Por esta razón, dende os grupos de traballo apóstase por acadar unha maior rendibilidade das empresas mediante o desenvolvemento de mecanismos de colaboración dentro do sector para valorizar e comercializar o produto, aumentando desta forma a capacidade de negociación con clientes e provedores.
De feito, considérase que a organización empresarial posibilitará a compra de todo o recurso ao asociado, asegurándolle uns prezos de transferencia; a valorización do produto, desenvolvendo, fixando e controlando os criterios de calidade e innovación demandados polo mercado; a comercialización do peixe, establecendo acordos comerciais coas diferentes canles, regulando a oferta e a demanda; e o desenvolvemento industrial.
Entre as vantaxes da aposta polas cooperativas para o sector do cerco tamén se atopa a profesionalización en cada unha das funcións operativas; a redución de custos; a minimización de riscos; o establecemento de acordos comerciais a medio e longo prazo; a autorregulación; e a existencia de economías de escala. Así mesmo, prodúcese unha concentración da actividade; existe un maior control das operacións; posibilítase a participación dos socios na xestión e nos beneficios; e esta fórmula conta co apoio das institucións e con fondos comunitarios para a súa posta en marcha.