23 noviembre 2008

O PLAN SECTORIAL DE VIVENDA APORTA AO CONCELLO DA GUARDA VIVENDA PROTEXIDA CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE 10 MILLÓNS DE EUROS

A GUARDA (MORRAZO-tribuna).- O BNG da Guarda define o Plan Sectorial de Vivenda da Xunta de Galiza como “unha grande oportunidade” para o concello por canto permitirá aos veciños e veciñas dispor de 270 vivendas protexidas a prezos accesíbeis, e implica un cuantioso investimento de preto de 10 millóns de euros ao longo da vixencia do plan sectorial que se desenvolverá entre 2009-2017.
O portavoz nacionalista, Xan Lois Lomba, saudou esta iniciativa posta en marcha pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas que aportará á Guarda novos equipamentos e zonas verdes, “creando espazos públicos de calidade dos que estamos tan necesitados neste concello”, explicou, “ademais de xerar actividade económica e favorecer o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, contribuíndo deste xeito a paliar os efectos da crise na que estamos inmersos, á que non é allea o concello da Guarda”.
O portavoz nacionalista tamén valorou a bolsa de solo seleccionada, por canto aposta pola integración social, e por facilitar o crecemento ordenado do concello. “Pensamos que a bolsa elixida acaba coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos, e aposta pola calidade na ubicación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto para as familias con rendas medias como as necesitadas”, explicou. Xan Lois salientou ademais que “a actuación prevista no concello será o exemplo dun novo urbanismo de calidade, o urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG e que neste caso se traducen en 28.500 m2 de zonas verdes e 12.500 m2 dotacionais nos que se poderán ubicar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais que tanto precisa A Guarda”.
O BNG aposta pola colaboración institucional para que o goberno local sexa receptivo a estas iniciativas e tamén pola implicación do sector privado para o seu desenvolvemento efectivo. Considera ademais esta iniciativa como unha ferramenta de planificación de vivenda protexida que, ademais, aposta por dotar aos concellos de Galiza de máis calidade de vida ao incluír novos equipamentos e dotacións, e pola súa capacidade para xerar actividade económica nunha situación de crise.