23 noviembre 2008

TRESCENTOS PROFESORES RECIBIRÁN FORMACIÓN EN MATERIA DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA EN SANTIAGO, A CORUÑA, LUGO E VIGO

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- As cidades de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo acollerán, a partir do martes 25 de novembro e ao longo dun total de seis xornadas, a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino, que van dirixidos ao profesorado de ensino primario e secundario dos centros públicos e privados de Galicia. Preto de 300 docentes participarán nesta iniciativa, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
Os seminarios comezarán o martes 25, continuarán durante o mércores 26 e o xoves 27, e retomaranse os días 2, 3 e 4 de decembro. As sesións realizaranse sempre a partir das 18.00 horas. En Santiago, será o IES As Fontiñas o lugar no que se impartirán as charlas, obradoiros e demais actividades. Na Coruña, as xornadas desenvolveranse no IES Rafael Dieste; en Lugo no IES Politécnico, e en Vigo no IES Politécnico.
O número inicial de prazas que se ofertaba por cada unha das cidades era de 50 persoas como máximo, pero debido á elevada demanda rexistrada optouse finalmente por incrementalas.