21 noviembre 2008

O SISTEMA DE INFORMACIÓN TERRITORIAL DE GALIZA PRESENTA DOCE PROXECTOS DURANTE A CELEBRACIÓN DA SEMANA VERDE

SILLEDA /PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza –dependente da Consellaría do Medio Rural– participa na XXXI edición da Semana Verde de Galiza a través dun stand no que dará a coñecer doce dos proxectos nos que está a traballar a través do Sistema de Información Territorial de Galiza (Sitga). Mediante os contidos que se poderán apreciar no stand, que estará situado no Espazo Medio Rural, preténdese poñer en valor a importante función que realizan os Sistemas de Información Xeográfica (Six) ao servizo da sociedade e, moi especialmente, na planificación e no desenvolvemento do medio rural galego.
Un dos proxectos máis ambiciosos nos que está a traballar o Sitga actualmente é o denominado “Infraestrutura de datos espaciais de Galiza” (Sitga-Ideg). Para este traballo utilízanse innovadoras ferramentas que supoñen un paso máis alá dos Six convencionais, posto que, ademais dos datos, tamén se ofrece unha ampla información sobre os mesmos así como unha serie de servizos que permiten acceder a eles. O Sitga-Ideg, ao que se pode acceder a través do xeoportal http://sitga.xunta.es, é unha plataforma dinámica e en continuo proceso de actualización, que lle ofrece ao usuario a posibilidade de facer consultas en función das súas necesidades para obter un servizo personalizado.
Entre os servizos que se ofrecen neste xeoportal atópanse a busca no localizador de toponimia, a creación de mapas temáticos adaptados ás necesidades do usuario ou a visualización e consulta de atributos de mapas de diferentes temas. Tamén se ofrece a posibilidade de descargar a través de internet os produtos cartográficos do Sitga ou de consultar cartografía procedente doutros servidores.
O outro proxecto que está a desenvolver o Sitga é o Mapa de parroquias, a través do cal se consegue recuperar o linde do espazo territorial da parroquia –unha demarcación enraizada na Idade Media e vixente hoxe en día – e que será publicado proximamente.
Entre os proxectos que realiza o Sitga en colaboración con outros organismos autonómicos destaca o proxecto toponimia de Galiza, en funcionamento dende o ano 2000. Este proxecto, que está financiado por todas as consellarías da Xunta de Galiza, pretende crear unha grande base de datos que recolla toda a microtoponimia galega e a catalogue segundo parámetros lingüísticos e xeográficos, normativizada lingüisticamente e localizada na cartografía do Sitga. Está previsto que se poida acceder a todos estes datos a través dunha páxina web que estará operativa nos próximos meses.
A modelización da oferta e da demanda actual e tendencial de predios rústicos en Galiza pretende analizar a localización xeográfica da demanda e da oferta de terras agrícolas en Galiza, tomando como exemplo catro comarcas de diferente orientación produtiva, das que se elaborarán mapas de síntese a nivel parroquial.
O proxecto de xeorreferenciación e cuantificación de superficies queimadas en incendios forestais en Galiza permite elaborar unha cartografía de incendios, da que se dispoñen datos dende o ano 1997. A través do proxecto de estatísticas agrarias obtéñense datos sobre superficie, prezos e rendementos anuais dos cultivos agrícolas en Galiza, a nivel comarcal, a través de técnicas cartográficas e de mostraxe. Asemade, estanse a desenvolver sistemas de información documental de montes en consorcio ou convenio, de montes veciñais en man común e de montes de utilidade pública.
Os Six tamén se empregaron para facilitarlle á Dirección Xeral de Montes, da Consellaría do Medio Rural, a xestión e o control das súas liñas de axuda. Dunha banda, o Sitga elaborou un arquivo dixital localizado con coordenadas de toda a información dos expedientes de axudas á silvicultura do período 2001-2004, que estaban arquivados. Da outra traballou na identificación das parcelas agrarias dos expedientes que obtiveron axudas á forestación de terras agrarias.
Os dous últimos proxectos que se van presentar na Semana Verde son froito do traballo conxunto do Sitga coa administración xeral do estado: o Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), orientado á obtención de ortofotografías dixitais a escala 1/5.000 para aplicacións cartográficas e sistemas de información xeográficos; e mais o Sistema de Ocupación do Solo de España (Siose), que pretende integrar a información das bases de datos de coberturas e usos do solo das diferentes comunidades autónomas e da administración xeral do estado.
O Sitga completará a súa parte do stand institucional con 8 paneis informativos e a entrega de diverso material como unha carpeta con 8 mapas en tamaño A3 (de usos do solo, de relevo, imaxe de satélite, histórico, densidade de poboación, de estradas, comarcal e litolóxico), un crebacabezas cun mapa, unha alfombriña para o ordenador cunha imaxe de satélite, fichas e folletos sobre cartografía de Galiza.